Aberta a convocatoria para participar no circuíto musical Girando Por Salas

O Circuíto Estatal de Músicas Populares Girando Por Salas (GPS), despois de quince exitosas edicións polas que pasaron máis de 525 bandas, lanza a súa décimo sexta convocatoria, #GPS16, que estará aberta para bandas e solistas ata o martes 30 de setembro. Preme aquí para inscribirte a través da web.

Rufus T Firefly | P. Vázquez

O obxectivo de GPS é apoiar artistas emerxentes de todos os estilos, tanto solistas coma bandas, ofrecendo axudas para a celebración de concertos dentro do circuíto de salas en todo o territorio español como fomento da expresión máis viva da música popular. Estes concertos realizaranse fóra da Comunidade Autónoma de residencia de cada artista ou a un mínimo de 300 km dentro da mesma. Con isto quérese potenciar os novos talentos musicais e a súa difusión máis alá do seu ámbito de influencia natural, así como incentivar a súa profesionalización. Así mesmo, os artistas recibirán unha axuda para a produción e promoción discográfica dos seus traballos, potenciando con todo iso a produción discográfica e a estabilidade do circuíto de salas de música en directo.

CASTELAO

Seleccionaranse 34 artistas (bandas e solistas) de entre todas aquelas solicitudes recibidas que cumpran os requisitos e elaborarase un calendario en coordinación coas salas e os artistas seleccionados, cun mínimo de seis concertos para cada artista, que terán lugar entre o 1 de decembro de 2025 e o 31 de maio de 2026, ambos inclusive. Aos seleccionados outorgaráselles, así mesmo, unha axuda para a Produción e Promoción Discográfica.

La MODA | P. Vázquez

Entre as bandas que pasaron por anteriores edicións de Girando Por Salas atópanse: Sidecars, Triángulo de Amor Bizarro, Izal, Viva Suecia, Morgan, La M.O.D.A., Antonio Lizana, Rufus T Firefly, La Bien Querida, Maruja Limón, Varry Brava, Sexy Zebras, Rayden, Carlos Sadness, Miss Caffeina, Cycle, El Kanka, Alice Wonder, Los Estanques, Tu Otra Bonita, Veintiuno, Travis Birds, Izaro, Queralt Lahoz, Nat Simons, Lady Banana, Marilia Monzón, El Nido ou Shego, entre moitas outras.

GOZO FEST
Carlos Sadness | P. Vázquez

A convocatoria para salas abrirase ás 11:00 h do mércores 1 de outubro e pecharase ás 18:00 h do venres 31 de outubro de 2025. Girando Por Salas é unha iniciativa do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), sendo entidade colaboradora a Federación Coordinadora do Circuíto de Músicas Populares (FCMP).

Como novidade, desde esta edición a banda ou solista deberá achegar no proceso de inscrición un “Plan de lanzamento discográfico, promocional e de xira” no que se detallen os plans de lanzamento discográficos próximos e aquelas accións que teñan a intención de desenvolver coas axudas de GPS16.

shego

RESUMO DA CONVOCATORIA #GPS16

• Dirixida a artistas emerxentes: con un máximo de 3 LPs correctamente publicados
• Data de inicio da inscrición: 11:00 h do 16 de setembro de 2025
• Data límite de inscrición: 18:00 h do 30 de setembro de 2025
• Data de publicación provisional de grupos aprobados: 10 de outubro de 2025
• Período para solicitar revisión: ata o 13 de outubro de 2025 ás 18:00 h
• Data de publicación definitiva de artistas aprobados: 14 de outubro de 2025
• Inicio da votación pública: 11:00 h do 15 de outubro de 2025
• Fin da votación pública: 18:00 h do 22 de outubro de 2025
• Anuncio dos 34 grupos e solistas seleccionados #GPS16: 3 de novembro de 2025
• Inscrición a través de: www.girandoporsalas.com