Aberta a convocatoria para o II Certame de Relato Curto Cachi Villalba
O II Certame de Relato Curto Cachi Villalba xa ten aberto o prazo de participación, nunha convocatoria que busca honrar a memoria de Cachi Villalba e fomentar a creación literaria. Poderán participar persoas maiores de 18 anos residentes en España, cun único relato por participante.

Os textos deberán estar escritos en galego ou castelán e terán que cumprir unha particular condición: a primeira ou a derradeira frase do relato deberá incluír a palabra «grazas» ou «gracias». A organización valorará especialmente a orixinalidade e a calidade literaria das propostas. Os relatos deberán ser orixinais e inéditos, e non poderán ter sido premiados anteriormente nin publicados en ningún medio. A extensión máxima será de dúas páxinas DIN A4, con letra Times New Roman de tamaño 12 e dobre espazo.
Os traballos deberán enviarse por correo electrónico a relatoscachi@gmail.com antes do 15 de setembro de 2026. A convocatoria establece que se deben achegar dous arquivos PDF: un co relato, asinado cun pseudónimo, e outro cos datos da persoa autora, incluíndo nome completo, DNI, enderezo, teléfono, correo electrónico, título da obra e pseudónimo empregado.
O xurado estará integrado por profesionais vinculados ao mundo da lingua e a literatura e por algunha persoa próxima á homenaxeada. Seleccionará cinco relatos finalistas e dous de reserva. Ademais do premio do xurado, haberá un premio do público, que decidirá mediante votación despois da lectura dos textos finalistas durante o acto de entrega.
A entrega de premios terá lugar o 10 de outubro de 2026, ás 12.00 horas, na Cooperativa A Morada, situada na rúa Enrique X. Macías número 6, en Vigo. As persoas finalistas deberán ler os seus relatos ante o público e o xurado, ou estar representadas por outra persoa.
O primeiro premio estará dotado cunha escultura conmemorativa, 150 euros, un bono regalo para dúas persoas adultas a escoller entre as rutas de Piratas de Nabia pola ría de Vigo, un lote de libros e diploma. O premio do público consistirá nun bono para dúas persoas adultas nas rutas de Piratas de Nabia, lote de libros e diploma, mentres que as persoas finalistas recibirán un lote de libros. O xurado poderá conceder tamén mencións especiais.
Cachi Villalba foi unha abogada viguesa que axudou a poñer en marcha a Cooperativa A Morada e tamén traballou na asociación Fiare Galiza, coa que axudaba a financiar proxectos con impacto social. O certame está organizado por amizades, familiares e persoas próximas a Cachi.



