A Xunta celebrará en novembro os primeiros exames Celga en liña
No mes de novembro a Xunta de Galicia celebrará os primeiros exames en liña para obter o Celga nivel 4. Galicia será a primeira comunidade con lingua cooficial en pór en marcha estas probas de xeito telemático.

A Xunta celebrará no mes de novembro os primeiros cen exames en liña das probas Celga do nivel 4 que acreditan o dominio do galego. Deste xeito, Galicia será pioneira con esta iniciativa, ao converterse na primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática cando, ata o de agora, só se podían facer de maneira presencial. Con esta medida da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Goberno galego procura ofrecer as maiores facilidades posibles para que unha persoa poida ser avaliada das súas competencias en lingua galega e obter unha titulación oficial, independentemente do lugar xeográfico no que se atope. Unha medida que pretende potenciar a presenza do galego na sociedade con novas oportunidades para certificar as competencias neste idioma, especialmente entre as persoas que non a tiveron como lingua nai. Non hai que esquecer que nos últimos cinco anos asentáronse na nosa comunidade máis de 115.000 persoas chegadas de fóra de Galicia.

Por este motivo, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa se están a ofrecer cursos de lingua e cultura galegas ás persoas non nadas en Galicia co obxecto de que, ao remate deste mesmo ano, sexan máis dun cento os impartidos e unhas 1.500 os participantes nestas clases. Para esta formación partillada por toda a Comunidade, cóntase coa colaboración de 28 concellos adheridos á Rede de Dinamización da Lingua e das institucións de Cáritas e Cruz Vermella. Estas clases levaranse a cabo ata final de ano nos municipios coruñeses de Abegondo, Ames, Arzúa, Boiro, Coruña, Ferrol, Melide, Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo, Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Ribeira e Teo; nos pontevedreses de Baiona, A Estrada, Ponteareas e Redondela; e nos ourensáns de Barbadás, O Barco de Valdeorras e O Carballiño. Estes cursos, de carácter presencial, súmanse aos 46 que se están a impartir, en colaboración con Cáritas, desde o pasado mes de xuño. E os 25 que se ofertarán a través de Cruz Vermella e outras clases de galego que se darán desde o Centro de formación do ámbito sanitario. Para a posta en marcha destes cursos, primeiramente a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude púxose en contacto con asociacións e entidades que traballan coa comunidades dos distintos países de procedencia destes colectivos para artellar unha formación á medida das súas singularidades.
Tanto os exames Celga en liña como os cursos de cultura e lingua galegas para persoas estranxeiras forman parte do plan de medio cento de medidas de aplicación inmediata no 2025 para impulsar o prestixio e uso do galego e que está a desenvolver a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude durante todo este ano. Entre este paquete de accións inmediatas tamén se atopan aquelas formativas dirixidas a outros colectivos como é o da xustiza, co desenvolvemento de cursos de formación específica en lingua e cultura galegas para os seus profesionais ou co impulso do idioma na redacción de documentos públicos, a posta en marcha de iniciativas encamiñadas a favorecer o neofalantismo ou as diferentes colaboracións para dinamizar o uso do galego nos eidos como o comercio ou ensino.



