A Xornada Mar de Galicia anuncia nova data despois da súa polémica cancelación

A Xornada Cultural Mar de Galicia celebrarase finalmente o próximo 5 de setembro no Museo do Mar de Galicia cun programa que se desenvolverá desde as 11:30 horas ata as 23:30 horas e que combinará música en directo, cultura urbana, creación galega, divulgación ambiental, actividades vinculadas ao mar e espazos de reflexión e participación cidadá.

Presentación da Xornada Mar de Galicia antes da súa cancelación o pasado día 18 de xullo. | Cedida

A iniciativa, organizada pola Asociación Sociocultural e Deportiva OVER, recupera así a súa programación tras a cancelación da anterior convocatoria a menos de 24 horas da súa celebración, prevista para o 18 de xullo. Desde a organización aseguran afrontar esta nova data coa vontade de deixar atrás aquel episodio, aínda que manteñen a súa discrepancia cos tempos e con parte dos criterios administrativos que levaron á suspensión, “unha boa Administración non debería limitarse a detectar problemas: debería permitir que poidan solucionarse a tempo”, sinalan.

REVENIDAS

A música é un dos piares deste evento que congrega nove propostas musicais en dous escenarios. Polo Escenario Ría, dedicado ao rap e ás músicas urbanas pasarán Tekilas, THRE36OYZ, Xiari, Losdela9, Adán e Cecilio G. En paralelo, o Escenario Xanela concentrará a programación de rock e música alternativa con Lorahacepan, YOUCANTHIDE e Zalomon Grass. Ao tempo a electrónica terá o seu espazo no interior do Museo do Mar. Entre as 17:30 e as 19:00 horas, o espazo Río Lagares acollerá unha proposta de Nelo, centrada na electrónica, o ambient e os elementos visuais.

Outro dos atractivos da xornada é o Mercado Salitre, formado por arredor de 40 postos e proxectos creativos. O público poderá atopar roupa e segunda man, vinilos e música en formato físico, artesanía, marcas galegas, creación gráfica, autoedición e outros proxectos vinculados á cultura independente e á economía circular. O mercado funcionará como un dos grandes eixos diúrnos do evento e busca dar visibilidade tanto a pequenos creadores como a iniciativas culturais e comerciais vinculadas á escena galega.

Durante o evento tamén haberá espazo para o debate. Ao mediodía terá lugar Conciencia Azul, unha conversa arredor da protección do medio mariño, a sustentabilidade, a reutilización de materiais, a economía circular e o futuro da ría de Vigo
coa dirección de Julia Mariño e a participación de Lixo Atelier, Aventura Plástica e Raquel Nogueira. Mentres que pola tarde desenvolverase a mesa redonda Vigo Soa: Cultura, Música e Cidade destinada a falar sobre o presente e o futuro do modelo cultural e musical de Vigo: a situación da escena local, os espazos culturais, as salas, os festivais, o papel das institucións, a iniciativa independente e as posibilidades de desenvolvemento dunha cidade cun importante tecido artístico e musical. A xornada contará ademais con actividades de iniciación e percorridos en kaiak, reforzando unha das ideas centrais do proxecto: conectar a programación cultural co propio espazo marítimo no que se desenvolve.

Para esta nova data, OVER reforzou a documentación técnica e administrativa do proxecto, incorporando profesionais especializados en arquitectura, instalacións eléctricas, aforos e evacuación, emerxencias, estruturas, son e seguridade, ademais de renovar as autorizacións correspondentes ante as distintas administracións. A asociación insiste en que a súa intención non é prolongar o conflito xerado pola anterior cancelación. “Somos unha asociación cultural pequena e entendemos perfectamente que temos que cumprir as normas. Fixemos un esforzo enorme para adaptarnos a todo o que se nos solicitou. O que esperamos agora é que, se existe calquera cuestión que corrixir, se nos comunique con tempo. Queremos que o 5 de setembro a noticia sexa simplemente que Vigo está gozando dunha nova xornada de cultura, música e mar”, conclúen.