‘Iribarne’ e o limbo cultural de Vigo: por que a xira de despedida non pasa pola cidade

A xira de Iribarne pecharase en 2026 con 102 funcións, ningunha delas en Vigo. A produción teatral da compañía viguesa Butaca Zero, que leva desde 2024 colgando o cartel de completo en Galicia, España e Latinoamérica, deixa unha pregunta incómoda para os vigueses: como é posible que unha das obras máis importantes do teatro galego recente non teña espazo na maior cidade do país?

Iribarne

A compañía teatral viguesa Butaca Zero vén de anunciar a xira de despedida de Iribarne, o seu espectáculo máis grande ata a data, que durante máis de dous anos percorreu escenarios de Galicia, España e Uruguai. A compañía pecha unha etapa marcada polo éxito de público e crítica; con múltiples recoñecementos, entre eles nove premios María Casares. Escrita por Esther F. Carrodeguas e codirixida xunto a Xavier Castiñeira, Iribarne repasa desde a sátira a vida de Manuel Fraga e o franquismo sociolóxico que segue atravesando o presente. Na listaxe de datas, que inclúe cidades como Compostela, A Coruña, Ourense ou Madrid, hai unha ausencia significativa: Vigo non figura no calendario.

Iribarne estivo no Auditorio Municipal de Vigo en febreiro de 2025, cando a obra xa levaba máis dun ano en xira. Para Butaca Zero, aquela función chegou tarde. “Nunha cidade como Vigo o normal tería sido estrear en xaneiro de 2024, cando se estreou na Coruña ou en Santiago”, explica Esther Carrodeguas, codirectora de Butaca Zero e autora da peza. Non foi así. As datas pecháronse con moitísima antelación noutras cidades e, cando Vigo reaccionou, xa era demasiado tarde.

O motivo está nunha lacra que acarrea a Concellería de Cultura da nosa cidade desde hai varios anos: a ausencia dunha programadora. No noso Concello non hai unha persoa responsable que vexa propostas, dialogue coas compañías e constrúa unha liña coherente de programación no eido das artes escénicas. Unha situación nada habitual en cidades deste tamaño. “Agora mesmo está todo un pouco nun limbo”, resume Carrodeguas e engade que “é a única cidade de Galicia na que as compañías non sabemos a quen hai que escribir para presentar propostas”. Esa indefinición tradúcese en decisións tardías, falta de previsión e dificultade para encaixar producións medianas ou grandes como Iribarne. A iso súmase unha deriva da programación municipal cara produtos alleos ao teatro de texto: monólogos de humor, concertos e espectáculos de consumo rápido ocupan cada ano máis espazo en VigoCultura. O resultado é unha cidade grande e con canteira teatral potente (sede da ESAD de Galicia), que funciona como unha praza secundaria no circuíto teatral.

Esther F. Carrodeguas no exterior da ESAD, en Navia | P. Vázquez

Para Esther o problema non é só de programación, senón tamén de falta de infraestrutura. Vigo carece dun teatro municipal grande e estable, capaz de crear hábito de público e de impulsar o ecosistema escénico e concentra a súa oferta teatral en moi poucos espazos. O Auditorio Municipal da Praza do Rei, onde ten lugar a programación pública VigoCultura, non é un teatro propiamente dito, senón un pequeno auditorio. Ten un aforo de 300 persoas, moi limitado para unha cidade de case 300.000 habitantes. A sala pública análoga de Santiago de Compostela, o Teatro Principal, ten capacidade para preto de mil. Ir a taquilla no Auditorio Municipal, explica Carrodeguas, sería “un suicidio económico” para unha produción profesional, pois a recadación non alcanzaría para pagar os gastos de personal e montaxe, que no caso de Iribarne esténdense durante varios días.

O Teatro García Barbón, o gran teatro histórico da cidade agora propiedade de Abanca, presenta outro tipo de barreira. A súa programación está dominada por compañías estatais de gran formato e propostas mainstream. As compañías galegas teñen difícil acceso, en primeiro lugar polo alto custo de alugalo. No caso de Iribarne, nin sequera se chegou a falar de condicións económicas: simplemente non se lles ofreceron datas. Pola súa banda, o Auditorio Mar de Vigo non é un recinto pensado para teatro e presenta problemas de acústica (notables tamén nos concertos) e visibilidade que o fan pouco atractivo para este tipo de producións. Aínda que é de titularidade pública, a xestión e programación están en mans dunha empresa privada e, no caso de Butaca Zero, tampouco conseguiron facerse un oco.

E quédannos as dúas salas privadas: Ártika e Ensalle, que xogan un papel fundamental na vida cultural da cidade, pero non poden albergar espectáculos deste tamaño. Cun aforo reducido de 150 butacas, os números non cadran: “entre o IVE, a SGAE e a porcentaxe da sala, a taquilla resulta insuficiente para soster unha produción destas características”, lamenta a dramaturga. A falta de espazos para as artes escénicas en Vigo é un problema sinalado habitualmente polo sector. Un exemplo recente é o Teatro Gorrilla, un festival itinerante de artes escénicas, xestionado por Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña, que se celebrou a pasada fin de semana en bares da zona de Irmandiños e que naceu “como resposta á baixa visibilidade das artes escénicas e a escaseza de espazos para a sua práctica”.

A ausencia de Iribarne en Vigo non é unha excepción, senón un síntoma. Revela as dificultades que atopan as compañías locais para traballar na súa propia cidade, mesmo cando chegan avaladas por premios, crítica e público. “Se houbera un teatro municipal forte”, apunta Carrodeguas, “fortalecería tamén as salas alternativas, porque crearía un público máis sólido”. Polo momento, tócanos ir chorar a Cangas o 30 de maio, a vila máis próxima na que poderemos dicirlle por última vez a Iribarne: “Manolo, hai que ir morrendo”.

REVISTA NADAL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.