A XIII edición dos Premios Martín Códax da Música activa o seu calendario cara á gala de maio
A música galega pon en marcha unha nova edición dos Premios Martín Códax cunha convocatoria aberta ao conxunto do sector desde o 2 de marzo. O calendario culmina o 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra cunha gran festa que serve de escaparate do talento e da diversidade creativa de Galicia.

Músicas ao vivo lanza a XIII edición dos Premios Matín Códax da Música, un novo capítulo na promoción da música galega. Esta edición busca consolidar a visibilidade dos proxectos musicais galegos e abrir novas oportunidades de proxección a artistas e bandas, fomentando a profesionalización e a conexión entre o sector e o público.
A convocatoria manterá 15 categorías musicais que abranguen estilos como pop e indie, rock e punk, músicas urbanas, electrónica, jazz, clásica e contemporánea, tradicional, folk, infantil ou verbena, entre outras. O obxectivo é volver ofrecer unha panorámica ampla da creación sonora feita en Galicia, recoñecendo tanto proxectos consolidados como propostas emerxentes. Poderán inscribirse iniciativas en activo ao longo de 2026, xa sexan radicadas en Galicia ou desenvolvidas fóra pero con maioría de integrantes galegos ou liderado artístico acreditable. Tamén terán cabida proxectos externos que empreguen o galego ou traballen maioritariamente coa música de raíz galega. A actividade artística recente como concertos, lanzamentos ou traxectoria profesional, será un dos elementos valorados polo xurado.
A categoría de Artista Emerxente volverá poñer o foco en proxectos de curta traxectoria e especial proxección, mentres que os Premios Organistrum distinguirán o labor de salas, festivais e iniciativas de comunicación musical. A estes recoñecementos sumarase o Premio Honorífico Músicas ao Vivo, destinado a salientar unha traxectoria de especial relevancia para a música galega.
O modelo de selección manterá o sistema mixto xa consolidado. Nunha primeira fase, un xurado profesional, con representación da formación, da industria e da comunicación musical, elixirá os proxectos finalistas en cada categoría. Posteriormente, abrirase unha segunda fase de votación na que participarán tanto as persoas asociadas a Músicas ao Vivo como o público xeral, cunha ponderación do 50% para cada parte no reconto final.
En total, darase visibilidade a 48 proxectos finalistas e 20 serán recoñecidos na gala final, reforzando o papel destes premios como plataforma de promoción e profesionalización do sector.
Calendario da XIII edición
- Prazo de inscricións: do 2 ao 22 de marzo de 2026
- Votación do xurado: do 30 de marzo ao 24 de abril de 2026
- Festa de Finalistas: 6 de maio de 2026
- Votación de socios/as e público: do 7 ao 24 de maio de 2026
- Gala final: 27 de maio de 2026, no Pazo da Cultura de Pontevedra
A organización fai un chamamento á participación do conxunto do sector nesta nova edición, que volve reivindicar a música galega como un ámbito creativo estratéxico e en constante evolución.

