A webserie viguesa ‘Réxime’ reflexiona sobre a gordofobia e os trastornos alimenticios
A produtora viguesa CRU Producións presenta RÉXIME, unha serie dirixida e escrita por Bea Saiáns que xa está dispoñible na plataforma dixital AGalega.gal desde o 1 de outubro. O proxecto, composto por tres episodios de seis minutos, aposta por un formato breve, fresco e dinámico e aborda cuestións como a saúde, o desexo, o concepto de éxito ou a recuperación fronte aos Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA). Preme aquí para vela.

Entre as voces participantes están Irene Blanco, campioa mundial de halterofilia; Aroa Davila, ex ximnasta; María Von Touceda, escritora; Andrea Nunes Brión, poeta e activista contra a gordofobia; Adri Guede, escritora; Kaixo, artista musical; Daniel Amarelo, sociolingüista e investigadore queer; Lucía Trigo, psicóloga especializada en TCA; e Lidia Folgar, nutricionista, que achegan reflexións desde distintos ámbitos profesionais e vitais.
A serie mestura entrevistas con referentes da cultura galega e momentos culinarios, xa que cada conversa xira arredor do prato favorito das persoas entrevistadas, preparado pola cociñeira Raquel Ogando. A través desta fórmula híbrida, RÉXIME aborda cuestións como a saúde, o desexo, o concepto de éxito ou a recuperación fronte aos Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA).

De estética pop e ritmo audiovisual próximo ao videoclip, cun ton dixital e a banda sonora orixinal da artista galega High Paw, a proposta busca reflexionar sobre a presión estética e as súas consecuencias na mente e no corpo.
En palabras da directora, Bea Saiáns: “Interésanos falar do corpo porque o corpo cifra as mensaxes do que nos acontece ao redor e internamente. Non minte. Pero nós si mentimos. Para encaixar, para sentir control ou porque temos vergonza de que se descubran os nosos segredos de beleza, os nosos esforzos. Por que ten máis status Elsa Pataky que Yola Berrocal, se as dúas teñen o mesmo número de operacións? Porque unhas son invisíbeis, son un segredo, e as outras non. Porque deixan entrever o réxime”.


