A VII edición do Vigo SeaFest reunirá en Montero Ríos a catorce chefs da cidade
Os xardíns de Montero Ríos volverán acoller do 9 ao 12 de xullo o Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest. Como cada ano, o evento situará no centro da celebración a gastronomía ligada á actividade pesqueira galega. O longo desta edición poderemos degustar as tapas con sabor mariñeiro elaboradas por catorce recoñecidos cociñeiros da cidade.

Vigo SeaFest é unha iniciativa creada pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), unha das organizacións pesqueiras máis relevantes do panorama europeo. O obxectivo deste festival é reafirmar o papel da cidade de Vigo como capital europea da pesca, poñendo en valor unha cultura gastronómica mariñeira de excelente calidade. Para iso, cada ano o festival reúne unha coidada selección de restaurantes e chefs de renome que competirán por levar o premio á mellor tapa da edición no Fish & Beer by 1906, o concurso no que se elaboran propostas gastronómicas orixinais arredor dos produtos da ría. Precisamente esta semana déronse a coñecer os locais participantes, un total de 14, e tamén as sete especies de peixe galego que deberán empregar nas súas creacións gastronómicas. A diferenza do ano pasado, neste 2026 as protagonistas serán a pescada, a sardiña, o bacallau, o rape, o peixe espada, a raia e a lura.
- Paparrúa e o seu chef Adrián Santalices.
- Güòc con Alberto Díez e Olfa Abidi.
- Taverna Chao con Alejandro Nieto.
- Pintxoteca Mar con Cristian Arce.
- Malasangre con David Couñago.
- As Cunchas con Gonzalo e Xacobe Losada.
- La Tula Bouzas con Javier Salgado.
- María Manuela con Jimna Meije.
- Mijo Minibar con Jonathan Mota.
- Costera MX con Manuel Antón.
- Omichi Ramen Bar con Mauro Barreiro.
- El Temporal con Miguel Gómez.
- Enxebre con Patricia Uceda e Marcos Rodríguez.
- Trepia Gastronomía con Pedro Méndez.
Pero o Vigo SeaFest vai moito máis alá do concurso de tapas. Durante os catro días do festival haberá música en directo con artistas que se irán anunciando proximamente, así como actividades e probas deportivas vinculadas ao ámbito marítimo, como xa ocorreu na pasada edición co VII Torneo Marítimo de Waterpolo. Ademais, a programación incluirá propostas para toda a familia, con talleres, charlas sobre o mar, a pesca sostible e o ecosistema mariño, contacontos, visitas guiadas e diferentes experiencias interactivas. Todo isto completarase cunha ampla oferta gastronómica centrada nos produtos do mar galego.


