REVISTA ABRIL

A verdadeira data de colocación do Ferreiro da Praza da Industria

O pasado mes de abril recompilabamos algúns dos monumentos máis destacados da cidade. Máis aló da polémica que levantou a selección da cruz franquista do Castro (destacado non significa bonito ou positivo), ninguén reparou en que a data dunha das esculturas era errónea. O problema vai máis alo: esta data aparece mal en case todas as páxinas web, incluída a oficial do Concello de Vigo ou a de Tursimo Rías Baixas. Falamos do Ferreiro de Guillermo Steinbrüggen, situada na Praza da Industria.

REVISTA ABRIL
A escultura do Ferreiro, na PRaza de Eduardo Fadrique | Noelia Míguez

Tanto na páxina web do Concello, na de Turismo Rías Baixas, en Vigoenfotos, en La Voz de Galicia ou na Vigopedia vén indicado que a escultura do Ferreiro de Guillermo Steinbrüggen foi inaugurada en 1970. Non teriamos caído neste error de non ser pola nosa lectora Ana García, quen nos enviou unha mensaxe advertíndonos deste desaxuste temporal. No email contaba que ela nacera en 1975 xusto diante desa praza e que se lembraba perfectamente de cando colocaron a escultura, polo que non podía ser de comezos desa década. Mesmo contactou coa súa nai, quen corroborou esta información. Ambas pensaban que a data correcta estaría entre 1979 e 1982. López, ademais, engade con acerto que dubida moito que esta peza fose colocada en pleno réxime franquista.

Estas puntualizacións, ademais de ilustrar á perfección iso que din de que unha mentira repetida mil veces acaba por convertirse en verdade, teñen aínda máis sentido se consultamos a biografía do escultor. Nado en Vigo en 1952, Guillermo Steinbrüggen emigrou á República Federal Alemá aos 12 anos coa súa familia. Alí aprende caldeirería naval en Hamburgo e ingresa na Universidade de Belas Artes de Berlín en 1974. É dicir, en 1970 Guillermo tería 18 anos e estaría a traballar nos asteleiros hamburgueses. De 1975 a 1980 realiza estancias artísticas en diferentes cidades españolas e non é ata a finais dos setenta cando se instala en Vigo. Sería poucos anos despois, en 1982, cando realmente ten lugar a colocación da famosa escultura na Praza de Eduardo Fadrique.

A obra, creada a base de chatarra metálica ensamblada, representa a un ferreiro co martelo en alto traballando duro, unha homenaxe aos traballadores do metal e dos asteleiros, situados un pouco máis abaixo da praza. É unha lástima que, ao estar nunha rotonda rodeada de vehículos, non sexa posible apreciar de preto os numerosos detalles que compoñen esta lograda peza de Steinbrüggen. Cambiando de escultura, outra das recollidas no artigo antes mencionado, a de Manuel Castro na rúa do Príncipe, sufriu esta semana un novo acto vandálico. Esta vez non só lle arrincaron o xornal ou o dedo, senón o brazo enteiro. Semella que a fin do toque de queda afectoulle na cabeza a algún.