Á venda as entradas do festival de violín Encordass en San Simón
Encordass Fiddle Fest, festival internacional de violín tradicional, celébrase na Illa de San Simón do 3 ao 5 de xullo coa música escocesa como protagonista. O día 2 de xullo haberá un concerto inaugural gratuíto no Museo do Mar. As entradas están á venda desde hoxe, xoves 21 de maio, en Entradium.

Encordass Fiddle Fest é un festival especializado no fiddle e a música de corda alternativa. Co violín como fío condutor, explora as conexións da música popular e de raíz en diferentes culturas, programando artistas internacionais con música galega nun espazo natural tan especial como é a Illa de San Simón. O obxectivo do evento é achegar o violín ao público, desmontando o tópico social que o relega á esfera formal da música clásica e demostrando que é un instrumento versátil.
Esta edición ten un significado especial ao estar dedicada á música escocesa, unha tradición fundamental na que os músicos galegos dos anos 80 atoparon un referente para crear o noso folclore moderno. Esa relación consolidouse coa conexión entre o violinista escocés Alasdair Fraser e Alfonso Franco, profesor da Etrad e director do festival. A presenza de Fraser no Encordass Fiddle Fest como cabeza de cartel supón unha oportunidade singular para celebrar os vínculos históricos e musicais entre Galicia e Escocia da man dunha das figuras máis influentes do fiddle a nivel internacional.

O festival celebra un concerto inaugural o xoves 2 de xullo ás 19:00 h no Museo do Mar de Vigo que contará coas actuacións de balde de Scottish Fish, Elias Alexander e Abril, dúo vigués que interpetou unha pezas durante a presentación. Os días 3, 4 e 5 de xullo o festival trasládase á Illa de San Simón e combinará artistas galegos, como Fernando Barroso, Tonecho Castelos e Pablo Esqueira dúo e Abril; con artistas internacionais como Alasdair Fraser, Elias Alexander, Katie McNally ou Neil Pearlman que achegan diferentes tradicións musicais do ámbito atlántico.
As entradas para acudir os días 3, 4 e 5 de xullo á Illa de San Simón xa están á venda en Entradium, con prezos que van desde os 35 aos 60 euros. Todas as entradas inclúen o traslado en barco para a ida e para a volta.




