A ‘Tertúlia’ de Fillas de Cassandra conquista Pontevedra

O dúo formado por Sara Faro e María Soa conquistou ao público no inicio da xira de Tertúlia, cun espectáculo enérxico e coidado. As viguesas conseguiron reunir a máis de dúas mil persoas no recinto feiral de Pontevedra.

Fillas de Cassandra no inicio da xira ‘Tertúlia’ en Pontevedra. | Lara Alonso

O de onte, era un día importante para María Soa e Sara Faro. Arrancaban a xira do seu segundo traballo, Tertúlia e facíano apuntando alto, trasládaronse a cidade do Lérez para atopar un espazo no que reunir a un público amplo e os seguidores acudiron a chamada. O dúo vigués saíu ao escenario con ganas de partilo todo e enseguida conseguiron trasladar esa enerxía aos espectadores, que non deixaron de corear as cancións e bailar na hora e media que durou o concerto.

FAITE AMOVIDALOVER
Máis de duas mil persoas acudiron a estrea de ‘Tertúlia’ en Pontevedra. | Candela Lora

Abriron o espectáculo con Saír a fresca, canción que abre o disco e que foi tamén a primeira en seres publicada. Unha chamada a volver xuntarnos, a conversar e a coidarnos as unhas das outras; mensaxe que atravesa o novo traballo das viguesas e que souberon trasladar ao escenario. Alboroto, Hibernarse e Lisístrata completaron o primeiro bloque do concerto e xa nesta primeira parte conseguiron derrubar barreiras e converter o show nunha ‘tertulia’ na que todos os espectadores nos sentísemos interpelados. Co obxectivo de buscar esa coralidade subiron ao escenario unha manchea de colaboradores. A primeira en aparecer foi Ede, xunto a que interpretaron Déixate ver; logo foi a quenda das galegas Caamaño e Amexeiras con Arderse; Pipiolas achegáronse a Pontevedra para compartir Cuchicheo; xunto ao navarro Zetak interpretaron Bucólica; e mesmo subiu ao escenario un quinteto da Agrupación Musical do Rosal para tocaren Tertúlia. Pero sen dúbida, un dos momentos máis sorpredentes do concerto foi a aparición de Abraham Cupeiro polo medio do público tocando o Kárnyx como acompañamento do tema Cassandra.

Abraham Cupeiro no concerto de Fillas de Cassandra en Pontevedra. | Lara Alonso

O novo espectáculo de Fillas de Cassandra serve non só para coñecer o seu último traballo, o cal tocaron ao completo, senón tamén para escoitar por primeira vez en directo a maior parte do EP Hibernarse, co que non chegaron a xirar. Houbo tamén espazo para escoitar cancións que xa se converteron en himnos do grupo como Tataravoa, As Moiras ou Punheta; todos eles moi celebrados polo público.

Sobre o escenario estiveron acompañadas por outras tres mulleres que souberon imprimirlle forza e novas sonoridades aos temas. Icía Varela, percusións e voces; Elena Domínguez, percusións, voces e violoncello; e Vicky González na batería. Na escenografía, que correu a cargo de As dúas en punto viuse un salto cualitativo. Unha posta en escena coidada ao milímetro que soubo imprimir un bo ritmo ao concerto sen restarlle cercanía ou mesmo a esponaneidade, que tanto caracterizan ao dúo vigués e que sen dúbida é un dos grandes valores do grupo. María e Sara conseguiron cumprir coas esixencias dun espectáculo destas dimensións, sen perder en ningún momento a conexión co público co que interactuaron e bailaron. Combinando momentos íntimos, con temas nos que lograron converter o recinto feiral nunha rave na que os riscados das pandeiretas se mesturaba cos sons hiptotizantes da electrónica.

Fillas de Cassandra no inicio da xira ‘Tertúlia’ en Pontevedra. | Lara Alonso

The following two tabs change content below.

Tamara Novoa

A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.