A Tempada de Abonos de Clásica está a piques de comezar

Para esta segunda metade do ano, a programación da Tempada de Abonos de Clásica levará ao Teatro Afundación catro concertos: dous da Orquestra Sinfónica de Galicia, un do Orfeón Terra A Nosa e a sesión titulada A familia Shumann, na que a Real Filharmonía de Galicia estreará Clara, a peza feita pola compositora mexicana Gabriela Ortiz.

Baldur Brönnimann | Cedida

As persoas que xa dispuxeron de abono poden renovalo ata o domingo 14 de setembro, a través dunha comunicación que se lles fará chegar. Tamén, ó día seguinte no despacho de billetes de Teatro, en horarios de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 19:00 h. Entre o martes 16 de setembro e o domingo 12 de outubro, poderanse adquirir os abonos en Ataquilla.com, cun 20% de desconto sobre o prezo dos tíckets soltos, que estarán á venda ao rematar este período.

A Orquestra Sinfónica de Galicia será a encargada de inaugurar e pechar este ciclo de concertos programados tras o parón estival. No primeiro deles, o 23 de outubro, estará dirixida e acompañada ao violín por Roberto González-Monxas e interpretarán Ma mère, l’oye de Maurice Ravel e tres composicións de Mozart. Pola súa banda, no do 11 de decembro, a finlandesa Eva Ollikainen levará a batuta. A obra de Mozart tamén será o centro da sesión do 29 de outubro, a cargo do Orfeón Terra A Nosa. Finalmente, o 13 de novembro, será a quenda da Real Filharmonía de Galicia, que estreará Clara, unha homenaxe á figura da pianista e compositora Clara Schumann.

A maiores, como a Tempada de Abonos de Clásica forma parte do programa solidario Cultura por alimentos, os asistentes poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contenedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo. As doazóns serán distribuídas entre familias viguesas en risco de exclusión.