BIBOPALULA

A serie de animación infantil ‘Bibopalula’ dá o salto aos escenarios

Trátase dunha produción inédita en Galicia: un espectáculo musical de gran formato para nenas e nenos de entre 4 e 8 anos baseado en Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en galego. Marta Lado é a autora do texto e a directora da proposta, que estará protagonizada pola actriz Lidia Veiga, e musicalizada por Santi Jul e Iván Laxe. Chega ao Teatro García Barbón de Vigo o domingo 22 de xuño. Podes mercar as túas entradas premendo aquí.

Lidia Veiga no cartel da obra | Cedida

Ainé levará aos teatros un espectáculo infantil, musical e de gran formato inédito en Galicia. Será a adaptación para as táboas da serie Bibopalula, producida por Undodez e a Televisión de Galicia, e que foi estreada o pasado mes de novembro en Xabarin.gal, converténdose no contido máis visto da plataforma en poucos días. Marta Lado dirixe e é a autora da dramaturxia dunha proposta protagonizada por Lidia Veiga, que ven de gañar o Premio María Casares á mellor actriz protagonista. Estará acompañada sobre o escenario por Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez, encargadas de dar vida a Pegui, Carpin, Merli e Robin, a Banda do Bosque.

Un dos elementos característicos da serie é a música: o espectáculo conta con doce cancións orixinais xa coñecidas polo público de Bibopalula, como ‘O Terremoto’, ‘A Carriola’ ou ‘A Poza’, que multiplicarán o seu atractivo con coreografías, efectos especiais e un espectacular deseño de iluminación. O equipo da proposta complétase con Martina Cambeiro no deseño de vestiario e o apoio á dirección, Santi Jul e Iván Laxe na musicalización e ambientación sonora, Gonzalo Porteiro no deseño de iluminación, Laura Mahía e Banale na dirección de arte. O primeiro proxecto teatral infantil en dez anos de traxectoria de Ainé está producido por Álvaro Pérez Becerra, coa dirección de produción de Elisa Martínez e a produción en xira de Miguel Vázquez e Alba Gilda.

O equipo do espectáculo | Aigi Boga

O espectáculo de Bibopalula xirará todas as fins de semana do mes de xuño por distintos teatros e auditorios de Galicia. Ao Teatro García Barbón de Vigo chegará o domingo 22, e antes e despois fará paradas na Coruña, Santiago, Pontevedra, Vilalba, Cee e Ourense.

Bibopalula é a primeira serie musical de animación en lingua galega. Producida por Undodez e a Televisión de Galicia e estreada o pasado 29 de novembro na plataforma de contidos de entretemento infantís Xabarin.gal, converteuse en poucas horas no contido máis visto da canle.

REVISTA XUNHO

A primeira temporada da serie, creada por Andrés Mahía e Laura Mahía, conta con 55 capítulos de 5 minutos de duración. Cada un deles remata cunha canción orixinal composta polos músicos Santi Jul e Iván Laxe, ás que é posible acceder a través das plataformas, como YouTube ou Spotify. Os principais medios de comunicación galego referíronse nas primeiras semanas despois da estrea á produción como “unha revolución na oferta de entretemento infantil” na nosa lingua, ao ser non só un produto de calidade, feito integramente en Galicia por profesionais galegos, senón tamén por acompañarse dunha ambiciosa campaña de promoción en prensa, radio, exterior e accións especiais como a cabalgata dos Reis Magos da Coruña ou presentacións nos estadios do Deportivo e o Celta. Nas últimas semanas Bibopalula presentou tamén a súa primeira colección de roupa, que ampliará coa chegada do espectáculo, e un conto infantil que vai camiño de esgotar a súa primeira edición. Undodez traballa nestas semanas da man de distribuidoras internacionais para que a serie chegue a novos territorios en distintos idiomas, logo de ser un dos contidos mellor valorados na Kidscreen Summit, un dos mercados de animación infantil máis relevantes do mundo.