campamento de verán en galego A Semente

A Semente abre as portas ao seu campamento de verán mentres esgota os últimos ocos para o vindeiro curso

Garantir que o galego teña mil primaveras máis a través dos ollos e os xogos das xeracións máis novas. Con esa filosofía cumpre anos e medra a Semente Vigo, un proxecto educativo único, laico e autoxestionado que forma parte da rede de ensino nacional galego. Situada nunha emblemática casa de pedra na rúa Doutor Corbal (no baixo que hai anos acolleu o mítico bar de Pilar “Manda Truco”), esta escola de Teis converteuse nun auténtico oasis de protección lingüística, creatividade e respecto polos ritmos de cada crianza. Agora, en pleno arranque estival coa chegada do verán, a Semente convida a toda a cidade a descubrir o seu proxecto a través dun campamento de verán cheo de maxia. Tamén dan o aviso das últimas prazas dispoñibles para o vindeiro curso escolar.

Acampa Semente 2026: un verán de ciencia, natureza e poesía

Dende o 25 de xuño ata o 31 de xullo (en horario de 8:30 h a 14:30 h), o centro organiza o seu agardado Acampa Semente 2026. Grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, este ano o campamento conta cun programa especial estruturado por semanas temáticas: dende a exploración da natureza, a música ou a ciencia, ata descubrir a maxia que se agocha detrás da toponimia dos nosos lugares.

Un dos momentos estrela do campamento vivirase o vindeiro venres 3 de xullo, coa visita confirmada de Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil, quen compartirá unha xornada de versos e pequenos agasallos cos cativos, demostrando ese amor pola lingua e polo país que move o proxecto.

Como reservar? O campamento ofrece total flexibilidade, xa que permite a inscrición por semanas ou por días soltos. As vagas para os días 25 e 26 de xuño aínda están abertas, quedan xa moi pouquiñas para a quenda do 1 ao 17 de xullo, e volve haber maior dispoñibilidade para o tramo final do 20 ao 31 de xullo.

Unha escola viva inserida na natureza de Teis

Máis alá do verán, a Semente Vigo xa olla cara ao ano lectivo 2026-2027, que arrancará en setembro para nenos e nenas de 3 a 6 anos. O centro conta con unhas poucas prazas dispoñibles para formar un grupo reducido e familiar de entre 14 e 18 pequenos, acompañados en todo momento por dúas excelentes educadoras.

Na Semente non se traballa con fichas tradicionais, nin existen os premios nin os castigos. A xornada comeza cantando arredor da asemblea, o corazón do día onde se toman decisións por consenso, desígnanse espazos e soluciónnse conflitos. A aula interior estrutúrase en recantos creativos (lóxica-matemática, expresión plástica, música ou experiencias sensoriais), mentres que o exterior dispón dun patio para o xogo libre e unha horta.

Ademais, as educadoras saben aproveitar a privilexiada situación do barrio de Teis: a carballeira e o monte da Guía, a praia da Punta ou o mercado convértense en extensións directas da propia aula, educando ás crianzas en total simbiose co medio ambiente e coa súa comunidade para acadar un desenvolvemento integral.