A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico lanza unha campaña de crowdfunding para apoiar a participación das seleccións masculina e feminina nos World Games de Waterford, Irlanda, o maior escaparate internacional deste deporte.

As seleccións galegas de fútbol gaélico posicionáronse nos últimos anos como referentes mundiais deste deporte fóra de Irlanda. Este verán os equipos masculino e feminino participarán nos World Games de Waterford, Irlanda, unha competición que reúne a preto de 200 equipos procedentes dos cinco continentes.
Co obxectivo de sufragar os gastos de desprazamento, manutención e que ningún xogador quede fóra da competición por motivos económicos, a Selección pide apoio cidadán mediante unha campaña de crowdfunding. As persoas interesadas poderán escoller entre realizar unha doazón aberta, ou acceder a distintas opcións que inclúen recompensas como calcetíns, camisetas e suadoiros da Selección, grazas á colaboración da marca galega Acontravento.
De xeito paralelo poñen en marcha a iniciativa Empresas Amigas, dirixida a empresas e asociacións que desexen asociar a súa imaxe a súa imaxe a un proxecto que promove valores como o traballo en equipo, a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade e a representación internacional de Galicia.


A historia da selección
A selección galega de fútbol gaélico naceu en 2012 como froito do crecemento deste deporte en Galicia na década anterior e comezou pouco despois a competir no ámbito internacional tras o recoñecemento da Asociación Galega de Fútbol Gaélico dentro da estrutura europea da Gaelic Athletic Association (GAA). O seu primeiro gran salto chegou coa participación nos GAA World Games, o campionato mundial para equipos de fóra de Irlanda, onde Galicia competiu en edicións como as de 2015 (Abu Dhabi), 2016 (Dublín), 2019 e 2023 (Derry), consolidándose como unha das seleccións máis activas do circuíto internacional.
O maior éxito da traxectoria galega chegou no GaelicEuro 2018 en Lorient, cando a selección feminina proclamouse campioa de Europa. Desde entón, Galicia mantivo unha presenza constante en torneos internacionais como a Celtic Cup e outros campionatos europeos, acadando tamén subcampionatos en 2025. En pouco máis dunha década, a Selección pasou de ser un proxecto emerxente a converterse nun referente do fútbol gaélico fóra de Irlanda.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A prohibición dos concertos nos chiringuitos golpea aos músicos locais - 10 Xullo, 2026
- Gudini: pratos de restaurante na túa neveira - 19 Xuño, 2026
- A Selección Galega de Fútbol Gaélico busca apoios para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais - 5 Xuño, 2026
- Autobán convoca un premio ao mellor fanzine galego - 3 Xuño, 2026
- Caixiña de Ritmos propón un verán de baile, música e creatividade - 29 Maio, 2026




