A segunda edición do Hematofesti celebrarase do 4 ao 8 de novembro
O HematoFesti, o festival de humor e literatura infantil dedicado ao Hematocrítico e liderado por Ledicia Costas xa ten data de celebración e nova mascota. Esta segunda edición celebrarase do 4 ao 8 de novembro na nosa cidade.
A dous meses de celebrarse a nova edición do HematoFesti, os organizadores do evento compartiron en redes sociais as datas e o cartel desta segunda entrega. O festival dedicado á literatura infantil e o humor celebrarase entre o martes 4 e o sábado 8 de novembro en diferentes espazos da nosa cidade. Se o ano pasado o protagonista do cartel era un pato, nesta ocasión a personaxe escollida por Alberto Vázquez para ilustrar o festival é un dinosaurio (pixelado).
O festival liderado por Ledicia Costas, homenaxea a Miguel Ángel López González, mestre e escritor máis coñecido como Hematocrítico, falecido de forma repentina a finais de 2024. Esta nova edición do festival promete cinco días nos que haberá literatura infantil, ilustración, videoxogos, humor, música e outras novidades que se darán a coñecer nas próximas semanas.
O que si sabemos é que segue aberto o prazo para participar no II Premio Humor con H para Álbums Ilustrados cunha dotación económica de 5.000 € ao mellor proxecto e a publicación da obra nas catro linguas oficiais do Estado. A convocatoria está aberta ata o o 1 de outubro de 2025 e nela pode participar calquera persoa maior de idade que o desexe.

