BIBOPALULA

A Sala Rebullón, Nadie González e Fanfarria Taquikardia, galardoados nos Premios Martín Códax

Este mércores 28 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a XII edición dos Premios Martín Códax da Música, organizados por Músicas ao Vivo. Entre os vinte proxectos galardoados atopamos varios nomes de Vigo e a súa contorna: a Sala Rebullón, Nadie González e Fanfarria Taquikardia. Preto de cinco mil persoas votaron nesta edición dos premios á que se presentaron 512 proxectos musicais, récord de participación.

Artistas galardoados nesta edición | Cedida

Vinte melómanas e melómanos deseñados polo artista Victor Lorenzo xa teñen  fogar tras a entrega dos 12º Premios Martín Códax da Música na noite do mércores 28 de maio en Pontevedra. Unha gala de entusiasmo, como o que manifestaron os novísimos membros de Paracetafolk, co premio Artista Emerxente, e de emocións, como as que se viviron coa entrega do Honorífico a Leilía. Tamén para apelar á unión da comunidade musical, reivindicar o talento galego e defender o acceso á cultura de toda a cidadanía, como fixo a directiva de Músicas ao Vivo no seu discurso. Predominio de mulleres artistas premiadas nesta 12ª edición en diferentes categorías: A Pedreira, Faia, Sabela, Helena Egea, Rumia, Nadie González e María Domínguez, subiron ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra. A gala estivo presentada por Lupe Blanco e Xisco Feijóo, e contou coa música ao vivo do grupo Ailá, que homenaxeou á oralidade e á música tradicional.

De catro en catro foron entregados os Premios Martín Códax na noite do mércores 28 de maio; a primeira categoría en ser revelada foi a de Metal coa banda Brutal, nacida das cinzas do grupo pontevedrés Brutal Distracion, e que presentaba o ano pasado o seu disco 22820A Pedreira, o proxecto de Ugia Pedreira, foi o seguinte premio, na categoría de Canción de Autora; sen dúbida unha das voces galegas máis recoñecidas e queridas deste século. Helena Egea foi a premiada na categoría de Blues, Funk e Soul; a cantante e violinista ven de presentar o seu primeiro EP Flares of Life. O primeiro bloque de galardóns da noite pechouse con Electrónica e co premio para Rumia, artista formada en boa parte na escena musical berlinesa.

O segundo bloque de premios recoñeceu o traballo de Os John Deeres na categoría Rock e Punk; con case dúas décadas de andaina o grupo ven de editar o disco O círculo das formigas. A rapeira viguesa Nadie González resultou premiada en Músicas Urbanas coa súa proposta inspirada na poesía de Xela Arias, Rosalía, Alejandra Pizarnik e Alfonsina Storni. No apartado de Orquestras e Música de Verbena foi A Banda da Balbina a que subiu ao escenario do Pazo da Cultura pola súa proposta festeira, que xa lles valera un premio no ano 2016. A pianista e investigadora María Domínguez recibiu o recoñecemento nesta edición 2025 dos premios na categoría de Música Clásica e Contemporánea.

Un dos proxectos musicais máis celebrados no último lustro en Galicia, a Orquestra Galega de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo e da que forman parte 20 intérpretes (entre eles músicos vigueses), recibiu o premio na categoría de Jazz e Músicas improvisadas. Foi Sabela quen subiu ao escenario para recoller o premio en Pop e Indie; a que fora finalista do televisivo OT está a preparar saída de disco neste 2025 do que xa lanzou dous temas de adianto. As melodías dos balkáns, klezmer e os seus sons festeiros levaron a Fanfarria Taquikardia a recoller o galardón en Músicas do Mundo e Mestizaxe.

De Ninghures, coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí, recolleu premio en Folk. A cantante Faia, que acaba de lanzar o seu segundo disco Alvela, no que conta con colaboración de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas e Suelen Estar Cuartet, recibiu o galardón na categoría Música Tradicional. E a Caldas de Reis trasladouse o premio ás Bandas de Música Popular co recoñecemento á Banda de Música Municipal de Caldas, cunha temporada redonda tras ganar o pasado ano o 136º Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia.

A entrega do melómano na categoría de Artista Emerxente era unha das máis agardadas da noite en Pontevedra. No Pazo da Cultura, os tres finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex, nunha categoría que nacía en 2022 para apoiar carreiras artísticas e visibilizar novos talentos musicais. Finalmente os aplausos da gala foron para Paracetafolk, grupo que debutou o pasado ano cunha proposta musical, desde a Costa da Morte, baseada en arranxos e composicións propias, e mesmo algunha peza que mestura o tradicional con pop-rock.

Tras a entrega dos galardóns nas categorías musicais chegaron os Premios Organistrum, aqueles que recoñecen en cada edición aos cómplices necesarios da música ao vivo: salas, festivais e proxectos de comunicación. A Sala Rebullón, en Mos, foi recoñecida na primera categoría, as Festas do Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, na segunda, e CUAC FM, a radio comunitaria da Coruña desde 1996, recibiu o galardón como medio de comunicación.

Equipo da Sala Rebullón | L. Alonso

Ana Rodríguez, Patricia Segade, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade e Rosario Rodríguez, as voces e pandeiretas de Leilía, foron as protagonistas da recta final da gala. Aplauso longo e cálido para o Premio Honorífico 2025, a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs a finais dos anos oitenta. Á súa nómina de galardóns e recoñecementos -en 2024, ano da despedida, recibiron a Medalla Castelao polo seu papel clave na recuperación da música tradicional- tiña que sumarse o Honorífico dos Martín Códax, tal como se apuntaba desde a directiva de Músicas ao Vivo.

REVISTA XUNHO

Metal e heavy: Brutal
Canción Autor/a: A Pedreira
Blues, Funk e Soul: Helena Egea
Electrónica: Rumia
Rock e punk: Os John Deeres
Músicas urbanas: Nadie González
Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena: A Banda da Balbina
Música Clásica e Contemporánea: María Domínguez
Jazz e Músicas Improvisadas: Orquestra Galega de Liberación
Pop e Indie: Sabela
Músicas do Mundo e Mestizaxe: Fanfarria Taquikardia
Música Infantil: Brais das Hortas
Folk: De Ninghures
Música Tradicional: Faia
Bandas de Música Popular: Banda de Música Municipal de Caldas de Reis
Artista Emerxente: Paracetafolk
Organistrum:
Salas: Sala Rebullón
Festivais: Festas do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela)
Proxectos de Comunicación e Difusión: Cuac FM
Premio Honorífico 2025: Leilía