A ‘Romería’ de Carla Simón, rodada en Vigo, chega aos cines
Tras a súa preestrea no Mar de Vigo o 26 de agosto, este venres 5 de setembro estréase a nivel estatal Romería, a última película da cineasta catalá Carla Simón. O filme rodouse en 2024 en Vigo e arredores e a cidade ten un papel absolutamente protagonista.

Carla Simón é unha cineasta diferente. O seu filme debut, Estiu 1993 (2017) obtivo tres premios e oito nominacións aos Goia. Coa súa segunda obra, Alcarràs (2022), converteuse na primeira muller española en gañar o Oso de Ouro na Berlinale. Con só dúas películas na súa filmografía outorgáronlle o prestixioso Premio Nacional de Cinematografía en 2023. Alén destes recoñecementos, a súa mirada sensible, atenta e única son unha das grandes novas do cine español da última década.
Por iso recibiuse de tan bo agrado que Simón escollese Vigo para rodar a súa terceira película, Romería, que pecha esta triloxía que xira arredor da memoria familiar da propia cineasta. Nesta cidade viviron os seus pais, falecidos a causa do sida, antes de que ela nacese. A raíz dunhas cartas que escribiu a nai de Simón a unhas amigas nos anos oitenta, a cineasta catalá creou unha obra na que realidade e ficción se mesturan de xeito orgánico.

A película comeza con Marina chegando a Vigo para coñecer por primeira vez á súa familia paterna. A acción trascurre en poucos días, pero de gran intensidade emocional para a protagonista, que ve desfilar por diante súa a tíos, primos e avós. Unha familia bastante desestructurada, formada por personalidades opostas e encabezada por uns avós conservadores e adiñeirados que non teñen moita gana de remexer no pasado familiar.

Unha das grandes virtudes de Romería, e en xeral da filmografía de Simón, é que non cae en obviedades nin lugares comúns. Evita o sentimentalismo barato, os xiros predecibles e as moralexas aleccionadoras. As súas obras teñen moitas capas e móvense sempre na ambigüidade dos grises. Este mesmo tacto que demostra á hora de caracterizar aos personaxes tamén o tivo para retratar Vigo, fuxindo de imaxes de postal ou de anuncios de cervexa estivais. A súa cámara capta un Vigo auténtico, coa beleza da súa ría e da súa costa pero tamén co seu caos urbanístico con grandes moles de formigón que, curiosamente, adquiren un gran protagonismo na película.

As Illas Cíes, os asteleiros, a ría, o Casco Vello, Toralla, Samil, Beiramar… todos estes teñen o seu protagonismo durante a metraxe. Como novidade respecto ás súas dúas anteriores longametraxes, Simón arrisca a nivel narrativo e inclúe unha parte máis libre, que poderiamos catalogar de realismo máxico. A única pexa que detectamos tras un primeiro visionado, e tendo en conta que o espectador vigués presta especial atención aos detalles relacionados coa cidade, é que aparecen unha serie de elementos que non deberían figurar nun filme ambientado en 2004. Falamos da ponte de Rande coa recente ampliación de dous carrís (2017) e da pasarela do centro comercial A Laxe (2007), ambas presentes nalgún plano do filme. Se queremos poñernos aínda mási repugnantes, tampouco ten moito sentido que a protagonista chegue a Vigo no barco que vén do Morrazo, xa que o normal é que chegase desde Barcelona en avión, tren ou autobús. Imos tomalo como unha licenza artística.

Sinopse
Marina viaxa a Vigo para coñecer á familia do seu pai biolóxico, que morreu de sida, do mesmo xeito que a súa nai, cando ela era moi pequena. A través dos encontros cos seus tíos, tías e avós, a moza tenta reconstruír un relato dos seus pais, pero todos senten demasiada vergoña cara aos conflitos de drogas da parella, algo que Marina lles lembra coa súa presenza. Será a historia de amor adolescente que vive co seu curmán o que lle permite reimaxinar aos seus pais e conectar con eles. Desta forma, inventa un conto, grazas ao diario da súa nai, que a libera do estigma que a súa familia sente por eles e cumpre o desexo de entender o pasado… Película sobre a memoria familiar que pecha a triloxía da súa directora, composta por Estiu 1993 e Alcarràs.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026
- Álex Arnoso: «Non fixemos Vimbio como unha aposta comercial, senón porque nos apetecía» - 2 Xuño, 2026
- O documental sobre o actor vigués que compartiu pantalla con Clint Eastwood ou Kirk Douglas precisa axuda - 26 Maio, 2026
- Once espazos onde escoitar música en directo nos arredores de Vigo - 21 Maio, 2026
- Imaxinatea Lab Creativo propón un campamento no que desenvolver a creatividade - 14 Maio, 2026



