A rapeira granadina Lasole estrea en Kerouac o seu último disco: “As miñas cancións son combativas porque falan do que vivo”

A artista andaluza Lasole, compositora, rapeira e performer, chega a Vigo para participar no Festival de Poesía e Performance Kerouac xunto a Elhombreviento. Veñen estrear o seu novo proxecto, 3nigma, un álbum conceptual inspirado na ópera Turandot de Puccini, que combina rap, electrónica e arte visual. A cita é no Museo MARCO, o sábado 18 de outubro ás 19:30 h, dentro dunha proposta que promete tender pontes entre o rap e a poesía escénica. Entradas á venda aquí.

Falemos de Enigma. Como o definirías?
É un traballo experimental que fixen xunto a Elhombreviento. El é un produtor incrible, con moitos proxectos detrás —por exemplo, fixo Doménica de Suite Soprano, que marcou historia no rap hai dez anos. 3nigma baséase na ópera Turandot e nos tres enigmas que Turandot lle propoñía á súa amante. Por iso o disco chámase 3nigma con trese todo xira arredor desa idea. O disco completo segue a ser un segredo… estamos a xogar un pouco co misterio, pero o lanzamento é inminente.

É curioso que, sendo un proxecto nado entre Madrid e Valencia, escollésedes Vigo como primeira parada da xira. Por que esta decisión?
Coincidiu así e encántame que sexa en Vigo porque a miña avoa é de Ourense e eu síntoume metade galega. Que Vigo sexa a primeira cidade da xira dálle boa enerxía. Teño algo con Galicia que sempre me atrae cara aquí.

E como xurdiu esa conexión con Elhombreviento?
Eu coñecino sendo adolescente, escoitando a súa música. Admirábao moitísimo como artista. Lembro unha canción, Love u Mama de Suite Soprano, que me deixou impresionada pola súa base. Anos despois, cando comecei a cantar, puxémonos en contacto, e para min foi un soño traballar con el, co creador daquela música que tanto me marcou aos 15 ou 16 anos.

A parte visual ten un peso importante no proxecto e cada un dos tres videoclips xa lanzados está inspirado nun cadro. Como artellastes esta parte?
Cada tema ten unha parte audiovisual creada por Jere [Elhombreviento] moi moi coidada. Fixo un traballo precioso. O álbum, de feito, funciona como unha pequena película dividida en capítulos.

Este traballo preséntase nun festival de poesía. Como cres que encaixa o rap no Kerouac?
Ao final, o rap é ritmo e poesía. É a unión deses dous elementos. Este álbum é unha aposta pola lírica: ten unha métrica moi coidada e un forte contido poético. Podes ler as letras como se fosen un poemari, así que creo que encaixa perfectamente no festival.

O teu rap leva o xénero a un terreo moi íntimo. Que lugar ocupa o persoal nun estilo tan vencellado ao discurso social e combativo?
Sendo muller e pasando por certas circunstancias, teño moita conexión coa loita pola saúde mental, a sanidade pública, a liberdade de expresión… Iso forma parte da cultura do rap. Pero eu escribo sobre a miña vida, e nela esas loitas aparecen soas. As miñas cancións son combativas porque falan do que vivo, e o que vivo xa é político por si mesmo.

Que é o que máis te inspira ao compoñer?
O contexto. Para min o contexto é o que o marca todo. Roubarlle o contexto a unha palabra é roubarlle o significado. Inspírome no que me rodea, na miña vida e na dos demais. Hai moitas persoas que me foron sementando cousas dentro, entre elas a miña avoa, que é unha das miñas grandes referentes.

Compárase a túa maneira de cantar con Gata Cattana, é unha das túas referentes?
Non creo que eu sexa “a nova Gata Cattana como escoitei nalgunha ocasión. Gata Cattana só vai haber unha. Ela marcou un antes e un despois na vida de moita xente, e considérome da súa escola: intento seguir os seus pasos, a súa métrica, os seus ideais… aínda que nunca se chega a estar á súa altura. Son a súa alumna.

REVISTA NOVEMBRO

Este é o teu terceiro disco, despois de Radio Jodidas e SANTA SUCIA. Como valoras a túa evolución nestes anos?
Creo que mellorei en dúas cousas. Primeiro, na técnica vocal: aprendín a traballar a miña voz como instrumento. E segundo, na humildade: aprendín a amar moito os meus proxectos, pero sen pisar a ninguén. Iso reforzouse moito neste camiño.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.