A próxima edición do Vigo Sea Fest fortalece a programación familiar

Visitas á Lonxa de Vigo, percorridos por embarcacións emblemáticas, talleres educativos e experiencias interactivas protagonizan unha das programacións familiares máis completas da historia do Vigo Sea Fest.

A sétima edición do Festival ARVI do Peixe, que se celebrará do 9 ao 12 de xullo nos Xardíns de Montero Ríos, contará cunha ampla programación de actividades infantís e familiares deseñada para achegar a nenos, mozos e adultos ao mundo da pesca, a cultura mariñeira e a importancia do consumo de peixe dunha forma divertida, participativa e educativa.

Organizadas coa colaboración de entidades como Fundamar ou EFCA, asociacións e organizacións vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro, as actividades permitirán aos asistentes coñecer de primeira man algúns dos espazos e profesións que forman parte da identidade marítima de Vigo. Entre as propostas máis salientables desta edición atópanse as visitas á Lonxa do Porto de Vigo, unha experiencia excepcional que permitirá aos participantes
descubrir o funcionamento dunha das principais lonxas pesqueiras de Europa
. Trátase dunha oportunidade única, xa que o acceso do público xeneral a estas instalacións é moi limitado e só se produce en ocasións moi concretas ao longo do ano. A programación incluirá tamén visitas ao Buque de Salvamento Marítimo e ao Buque Escola, dúas actividades que achegarán a pequenos e maiores ao traballo que se desenvolve diariamente no mar e á formación dos futuros profesionais do sector marítimo.

Xunto a estas experiencias, o festival ofrecerá numerosos talleres e actividades participativas adaptadas a diferentes idades, como talleres de cociña infantil, confección de redes, gyotaku, gravado ecolóxico, origami, contacontos, actividades relacionadas coa sustentabilidade mariña, dinámicas educativas sobre os océanos e propostas creativas como ‘Pintamos o Mar’, ‘A Mar de Rico’ ou ‘Damos a Talla!’, entre outras. Un dos principais obxectivos desta programación é achegar ás novas xeracións á orixe dos alimentos mariños, fomentar hábitos de alimentación saudables baseados no consumo de peixe e dar a coñecer a importancia económica, social e cultural que o mar ten para Galicia e para a cidade de Vigo.

As actividades son gratuítas, aínda que contarán con prazas limitadas para garantir a mellor experiencia aos participantes. Nos vindeiros días a organización publicará na web do festival toda a información detallada relativa a horarios definitivos, inscricións, capacidades e condicións de participación.