A prohibición dos concertos nos chiringuitos golpea aos músicos locais
O verán en Vigo perde unha das súas bandas sonoras habituais: os concertos en directo nos chiringuitos das praias, que están suspendidos desde onte, 9 de xullo, por orde da Policía Local. A medida obriga a cancelar unha programación que levaba semanas pechada e que deixa a decenas de músicos sen cobrar un traballo xa contratado.

O pasado xoves, 9 de xullo, a Polocía Local de Vigo anunciaba o cese inmediato baixo ameaza de sanción dos concertos nos cinco quioscos de praia que os viñan celebrando: Etea, Alcabre, La Fuente, Samil e Samil Garden. As cancelacións sucedéronse de maneira inmediata e o grupo de rock e funk Monos in Arms, por exemplo, anunciaba en Instagram apenas unha hora antes da súa actuación onte na ETEA que o concerto quedaba suspendido.
A orixe da decisión está nas condicións que rexen as concesións destes establecementos. Os pregos municipais contemplan os chiringuitos como quioscos destinados á venda de comidas e bebidas vinculados ao servizo das praias, pero non inclúen de forma expresa a celebración de concertos nin doutras actividades musicais. Aínda que durante os últimos anos estas actuacións se desenvolveron con normalidade e chegaron a consolidarse como un dos principais atractivos do verán vigués, o Concello decidiu agora aplicar unha interpretación estrita das concesións. A Policía Local foi a encargada de comunicar aos empresarios que debían cesar de inmediato a programación musical, advertindo de que o incumprimento podería derivar na apertura de expedientes sancionadores ou mesmo afectar á continuidade da concesión administrativa.
A decisión cumpre coa normativa, pero amplifica o debate sobre o espazo que o Concello outorga á cultura local e as condicións nas que desenvolven o seu traballo os profesionais da música na cidade. Para moitos músicos supón perder actuacións que xa formaban parte da planificación económica do verán e que dificilmente poderán recuperarse. A estas alturas de xullo, a maior parte dos festivais, festas populares e ciclos musicais teñen os seus carteis pechados, polo que reubicar concertos cancelados con tan pouca marxe resulta practicamente imposible.
O músico vigués Adolfo FH, cabeza da banda de rock Stoned at Pompeii e habitual dos chiringuitos en formato individual, resumía así a situación nas súas redes sociais: “Para quen o ve desde fóra pode parecer un bolo menos. Para quen vivimos da música, non o é”. No seu caso, asegura perder sete concertos en apenas dous meses, datas que xa estaban pechadas e integradas nun calendario de actuacións, ensaios e desprazamentos. “É diñeiro que desaparece. Son datas de verán que moitas veces sosteñen boa parte do ano”, lamenta.
O artista tamén cuestiona que os músicos locais perdan espazos mentres a cidade continúa apostando por grandes eventos. “Doe ver como esta cidade permite grandes despregamentos de luz, ruído e macroeventos cando interesa, mentres a música local queda abandonada”. Nas respostas ao seu comunicado moitos usuarios fan comparacións coa permisividade existente noutros eventos da cidade, como as festas das parroquias (con orquestras ata altas horas), os concertos de Castrelos ou o Nadal, nos que os veciños lembran que o ruído é moito máis intenso e prolongado no tempo.
A publicación de Adolfo FH acumula centos de reaccións e decenas de comentarios, moitos de músicos que comparten a mesma preocupación. Entre eles, Toño López, cantante de formacións como Black Stereo, The Soul Jacket, Mambas Negras ou Tango Mango, lamenta a forma na que se adoptou a medida: “Así se fan aquí as cousas, improvisando, sen consenso e pasando por riba de quen sexa. Pedimos respecto tamén para músicos e programadores”.
Na cidade son cinco os chiringuitos que viñan ofrecendo música en directo de maneira habitual durante o verán, con entre tres e cinco concertos á semana en cada un. Os de Etea, Alcabre e A Fonte, xestionados pola mesma empresa, comunicaron a cancelación das actuacións a través das súas redes sociais; Samil Garden informou da suspensión dos concertos previstos para esta fin de semana “por causas alleas á súa vontade e á dos grupos”; mentres que o chiringuito de Samil non realizou, polo momento, ningún comunicado público.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- O jazz soa na contorna de Vigo este agosto - 7 Agosto, 2026
- Tres clásicos do ‘body horror’, protagonistas do Galician Freaky Film Festival 2026 - 31 Xullo, 2026
- PortAmérica pon á venda os primeiros abonos para 2027 - 29 Xullo, 2026
- Festival Sinsal, Festas populares e Festa do Viño esta fin de semana en Vigo - 23 Xullo, 2026
- Sierra Madre Taquería, a auténtica cociña de Monterrei estrea carta en Vigo - 22 Xullo, 2026

