A plataforma Vigo Ciclábel propón dúas actividades pola Semana da Mobilidade

A plataforma Vigo Ciclábel organiza unha Semana da Mobilidade para debatir sobre o noso sistema actual de mobilidade e promover o uso da bicicleta para desplazarnos pola cidade. Para iso opropoñen unha charla divulgativa e a proxección dun documental.

Curso organizado por Vigo Ciclábel para ensinar a mulleres a andar en bicicleta | Cedida

Vigo Ciclábel é unha plataforma formada por diversos colectivos ciclistas, ecoloxistas e feministas de Vigo, así como por persoas a título individual, cuxo principal obxectivo é promover o uso da bicicleta como medio de transporte usual e visibilizar todas as vantaxes individuais e colectivas que ten este medio na mobilidade urbana.

ESCENICAS

Na semana da mobilidade van realizar dúas actividades reivindicativas e participativas en Vigo; ambas abertas a toda a cidadanía interesada nesta temática. A primeira delas será unha charla divulgativa co título: Desenvolvemento sostible: como os coches empeoran a nosa vida, e por que as bicis poden mellorala, que realizarán diferentes integrantes de Vigo Ciclábel. Levarase a cabo o xoves 18 de setembro ás 19:30 horas na Asociación Veciñal A Miñoca. Falarase das infraestruturas ciclistas en Vigo, da necesidade de mellorar a mobilidade activa, da perspectiva de xénero na mobilidade e moito máis. A segunda actividade reivindicará o Día sen coches cun Cine-Forum coa visualización do documental: Bicicletas vs Coches, que se proxectará no Café UF- Negra sombra o martes 23 de setembro ás 20,00 horas.

Hai uns anos a plataforma publicou un decálogo con medidas para facer Vigo máis ciclábel e mudar o enfoque da mobilidade na urbe, apostando decididamente polo transporte non motorizado. Entre esas propostas estaban a creación de máis aparcadoiros para bicis, un sistema público de alugueiro de bicis ou medidas de pacificación do tráfico.