BIBOPALULA

A Panadaría baixa o pano do seu forno teatral

A compañía teatral A Panadaría, fundada en Vigo en 2013 por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, anuncia o peche definitivo do seu forno teatral para finais de 2025. A decisión pon fin a un teatro propio, fresco e irreverente, recoñecido con ducias de premios e que deixa pezas para o recordo, como Elisa e Marcela e As que limpan.

Ailén, Noelia e Areta interpretando As que limpan

O pasado 21 de maio a compañía de teatro galega A Panadaría anunciaba na súa conta de Instagram o peche da compañía. Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman comunicaban nun post que ten xa 500 comentarios a decisión de “disolver a compañía e abrirnos a outras senllas vitais e creativas” logo de meditalo con calma. O adeus definitivo está previsto para finais de 2025, e durante os próximos meses seguirán xirando o seu derradeiro espectáculo, As que limpan.

A Panadaría naceu en 2013 en Vigo. O nome da compañía fai referencia a dúas actividades que as creadoras consideraban universais: “o pan e o teatro” e ao desexo de levar a cabo un teatro artesán que alimentase corpo e alma. A primeira obra que sacaron do forno foi Pan!Pan!, unha sátira da masculinidade no xénero wester na que sentaron as bases creativas dos traballos seguintes. Teatro sen escenografía, multiplicidade de personaxes (e ata animais) interpretados por cada actriz, humor, música en directo e crítica social. En 2015 amasan a mesma fórmula con Panamericana, crítica ao racismo na que interpretaban entre as tres a vintecinco personaxes, e o éxito chegaríalles ao desenfornar en 2017a peza Elisa e Marcela , coproducida polo Centro Dramático Galego, na que puxeron sobre as táboas a historia do primeiro matrimonio entre mulleres en Galicia e España.

Elisa e Marcela

O humor e a sátira foron sempre o ingrediente principal no seu obrador teatral. Nesta entrevista na Movida Ailén Kendelman explicou que para a compañía é “igual de serio facer as cousas desde a comedia que facelas desde o drama” e á vista está como a pericia para provocar gargalladas permitiulles sempre achegar mensaxes subversivas e politizadas á cidadanía. Para As que limpan, a súa última montaxe sobre a loita das camareiras de piso dos hoteis, as actrices realizaron entrevistas con Kellys que lles revelaron como elas mesmas “facían bromas ante situacións moi duras” e pediron que a obra non fose un drama, senón unha comedia. Lográrono a través de diálogos brillantes e unha posta en escena artesanal e moi plástica, na que basta un cambio de perruca para pasar de limpiadora a concelleiro, con música en directo feita a través da voz e percusión corporal.

Ailén Kendelman | Foto: Pablo Vázquez

O motor creativo do trío está no activismo social. O seu enfoque nas experiencias e a axencia das mulleres, a celebración de amores diversos e o cuestionamiento de tabús desafían narrativas capitalistas e patriarcais. Na mesma entrevista Ailén manifestaba o seu interese en “tratar temas que están na sociedade, cousas que vivimos e que escoitamos nas noticias”. A idea de Elisa e Marcela xurdiu ao sorprenderse de que unha historia tan incrible, ocorrida en Galicia en 1901, non fose máis coñecida, e valeulles para falar de invisibilización, pero tamén do acoso e medo que enfrontan as persoas LGBT+. Con As que limpan quixeron interpelar directamente á clase obreira cando se decataron durante a pandemia de que ninguén ovacionaba ás mulleres que limpaban os hospitais.

Desde 2022 as Kellys son aplaudidas cada noite no teatro, encarnadas por Ailén, Noelia e Areta que rematan a obra cun emotivo discurso. Co anuncio de peche da Panadaría o teatro galego perde unha das súas voces máis frescas e irreverentes, pero o seu humor intelixente e a súa aposta por un teatro esencial e próximo deixaranos sempre bo sabor de boca.

REVISTA XUNHO
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.