A Orquestra Vigo 430 presenta a súa tempada máis onírica para 2026
A Orquestra Vigo 430 vén de presentar a súa Tempada 2026, unha proposta artística que convida o público a emprender unha viaxe pola imaxinación, pola memoria e polos territorios máis profundos da emoción musical. A nova tempada artéllase arredor de seis concertos que combinan repertorio clásico, creación contemporánea, estreas en España e a participación de destacados intérpretes internacionais xunto a novos valores galegos.

Baixo este fío conceptual, a Orquestra Vigo 430 propón unha reflexión sonora sobre os espazos invisibles que a música é quen de crear: paisaxes interiores, rituais contemporáneos, diálogos entre épocas e metamorfoses estilísticas que conectan o pasado co presente. Desde a intimidade do instrumento solista ata a forza expresiva da gran formación sinfónica, a tempada percorre distintos formatos e linguaxes cunha clara vocación divulgativa e artística.
A tempada ábrese o 25 de xaneiro no Auditorio Martín Códax co programa «Paisaxes soñadas», dedicado ao Romanticismo tardío. A Sonata para violín só nº 4 de Eugène Ysaÿe, os Märchenbilder de Robert Schumann para viola e piano e a apaixonada Sonata para violín e piano de Richard Strauss conforman unha travesía polo mundo interior, a fantasía poética e o lirismo expansivo.
O 31 de xaneiro no Museo MARCO, o Ensemble Contemporáneo Vigo 430 presenta «Momentos rituais», un diálogo singular entre saxofón e viola a través de obras de Rebecca Clarke, Dai Fujikura, Laura Vega, Tigran Mansurjan, Alicia Díaz de la Fuente, Suting Han, Xesús Xosé Iglesias González e Roger Zare. O programa inclúe estreas en España e novas versións, e propón unha ollada cosmopolita sobre a creación actual, marcada pola transformación constante das linguaxes musicais.

O 14 de febreiro no Auditorio Afundación, o concerto «Do íntimo ao infinito» parte da soidade expresiva do violín —con obras de Bach, Ysaÿe e Kreisler— para culminar no Sexteto nº 2 de Brahms, interpretado por Nancy Zhou xunto ao Ensemble Vigo 430. Un percorrido que simboliza o paso da voz individual á experiencia colectiva.
A tempada continúa o 20 de marzo no Teatro García Barbón con «Camiños da alma», un programa sinfónico protagonizado pola violinista Catherina Lee, o director Javier Fajardo e a Orquestra Sinfónica Vigo 430, no que se interpretarán o Concerto para violín de Max Bruch e a Sinfonía nº 4 de Johannes Brahms, dúas obras unidas por unha mesma linguaxe de emoción contida e beleza profunda.
O 18 de abril no Auditorio Martín Códax, «Ecos e travesías» propón un diálogo entre séculos e estilos con obras de Respighi, Élise Bertrand, Casadesus e Mozart. A Sinfonía concertante para violín e viola pecha un programa que tece pontes entre tradición, creación contemporánea e clasicismo, coa participación de Élise Bertrand, Emma Wernig e Pablo Puga.

A tempada pecharase o 29 de maio na Basílica de Santa María de Vigo (Colexiata) con «Metamorfoses barrocas», un concerto interpretado con instrumentos históricos pola Orquestra Barroca Vigo 430, xunto a Rachell Ellen Wong e Amarilis Dueñas. Desde Locke e Purcell ata Vivaldi e Carl Philipp Emanuel Bach, pasando pola reinterpretación contemporánea da Follia de Paul Wiancko, o programa explora a capacidade do barroco para reinventarse e dialogar co futuro.
Con esta tempada, a Orquestra Vigo 430 reafirma o seu compromiso cunha programación coidada, plural e coherente, que combina excelencia artística, creación viva e unha clara vontade de conexión co público. A Tempada 2026 preséntase así como un espazo de encontro, escoita e descubrimento, no que a música se converte en experiencia compartida.




