A música local brilla na 25ª edición dos Premios Maketón
O pasado venres celebrouse na sala Supersonic a 25ª gala dos Premios Maketón. Unha noite de festa que reuniu artistas emerxentes e consolidados, recoñecendo o talento da música viguesa en todas as súas expresións.

A sala Supersonic acolleu por terceiro ano consecutivo a gala dos Premios Maketón, converténdose nun punto de encontro da escena local. Con Emma Placer como mestra de cerimonias, a cita combinou actuacións en directo, emoción e entrega de galardóns que celebran a creatividade e o esforzo dos músicos galegos.
A noite arrancou con French Riviera, que presentou en directo temas do seu segundo disco Caliente!, mesturando synth-pop e funk, e enchendo a sala de ritmo e enerxía. O propio Riviera foi galardoado co premio ao Mellor Disco do ano. O resto de artistas premiados foron Seitura como mellor directo de 2025 pola súa intensidade nos escenarios, Chungo Pastel polo seu disco autoeditado Sin filtro, reivindicando a diversidade; Javier Vicalo polo seu traballo de produción en Escusalla Sonora e Pikete polo mellor videoclip con Periódico de ayer.
O recoñecemento á traxectoria foi para Nadadora, grupo indie de culto que regresou en 2025 co disco Mañana y siempre, consolidando a súa importancia na música galega. O evento pechouse coa actuación do power trio emerxente The Blow Up’s, que repasou o seu álbum debut Nowhere Generation e adiantou novos temas.

