A música galega, o Rebétiko e os sons de Creta danse cita en San Simón
A Illa de San Simón será un ano máis escenario do Encordass Fiddle Fest, festival internacional de música de corda e violín popular. A vindeira edición celébrase do 26 ao 29 de xuño e ten xa as entradas á venda.

Organizado pola asociación sen ánimo de lucro Galicia Fiddle, Encordass é un festival especialízado na música de corda folk e alternativa, que quere desmontar o cliché que asocia o instrumento só coa música clásica. Utilizando o violín como fío condutor, cada ano fusiónase a música tradicional galega con sonoridades doutras culturas. Cada edición dedícase á música popular dun país ou rexión, e en 2025 o protagonista será Grecia.
O festival ofrecerá máis de 40 concertos en formato íntimo e acústico en diferentes escenarios da illa, permitindo ao público elixir entre actuacións simultáneas para unha experiencia próxima. O venres 27 e sábado 28, o acceso á Illa de San Simón será pola tarde, incluíndo, a parte dos concertos, unha benvida musical no peirao e unha visita musicalizada á illa. A xornada do domingo 29 desenvolverase na illa desde a mañá. O cartel inclúe artistas galegos como Parbö, Maricarme, Antía Ameixeiras, Jako el Muzikante ou Abril, agrupacións internacionais como o dúo galaico- escocés Darach, a Chelsea House Orchestra, o grupo iraní Constantinople, e destacados artistas gregos como Kelly Thomá, Christos Canellas ou o Rebetiko Trio. Todos os intérpretes de corda, ademais de actuar co seu grupo, tamén actúan polo menos unha vez acusticamente, presentando o seu instrumento na súa forma máis pura a un público moi próximo e sen ningún tipo de amplificación.

Ademais da música, haberá un completo programa de actividades paralelas: visitas musicalizadas (paseos en barco con música en vivo e visitas guiadas e musicalizadas á Illa da Memoria), obradoiros e mostras (luthería do violín, gastronomía grega, danza, charlas culturais), gastronomía (showcooking Momentos Alhambra, degustacións de produtos locais, catas de viños galegos), e unha zona infantil con xogos, obradoiros e concertos didácticos. Dentro da programación do festival, celébrase un curso de instrumentistas de corda de música popular, cuxa orquestra actuará o domingo no Encordass Fest Orquestra.
O acceso ao evento realízase en barco desde os portos de Vigo e Meirande. As entradas inclúen o transporte marítimo e o acceso ás actividades. Os prezos das entradas varían segundo o día e o porto de saída (Vigo ou Meirande), con opcións para venres, sábado e domingo. Poden adquirirse en entradium.com.
Encordass Fiddle Fest conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e co apoio de Cervezas Alhambra que, no ano do seu centenario, reafirma o seu compromiso coas experiencias únicas que invitan a gozar sen présa, dedicando a cada momento o tempo que merece.