A música en directo volve aos chiringuitos de Vigo

Os empresarios que xestionan os quioscos de praia e o Concello de Vigo chegan a un acordo para que a música en directo volva a estes espazos despois de case un mes de restricións.

Desde o pasado 9 de xullo a música nos chiringuitos de praia quedou suspendida por orde da Policía Local tras recibir algunhas denuncias. O concello sinalaba que os pregos municipais recollían os chiringuitos como quioscos destinados á venda de comidas e bebidas vinculados ao servizo das praias, pero non inclúen de forma expresa a celebración de concertos nin doutras actividades musicais. Isto fixo que de maneira inmediata os concertos tivesen que ser cancelados nos chiringuitos de Samil, La Fuente, Alcabre e Etea que tiñan programadas actuacións musicais durante todo o verán. Un forte pau para os músicos locais que de seguido denunciaron nas redes o golpe que supuña para moitos deles esta medida. A polémica, ademais de estenderse polas redes sociais, chegou ao Auditorio de Castrelos onde Abel Caballero recibiu unha sonada pitada ao subirse ao escenario antes do concerto dos mexicanos Molotov.

A presión foi forte e o Concello sentouse a negociar cos chiringuitos. O venres 30 de xullo desde o consistorio lanzaron un comunicado no que anunciaron que a música en directo volvería aos quioscos de praia dentro dunha ruta musical que establecería un calendario semanal de concertos previamente acordado cos concesionarios dos quioscos. Esta ruta musical respetaría dúas premisas: como máximo haberá dúas actuacións musicais simultáneas en todo o litoral e os luns
non haberá actividade musical nos chiringuitos de praia.

Co acordo pechado os chiringuitos non tardaron en volver programar música en directo, o primeiro foi o de Samil que reinaugurou a tempada de concertos coa actuación de Demasiadas sombras y pocas luces o pasado domingo día 2. Os chiringuitos de Alcabre, La Fuente e A Etea anunciaron onte os concertos que teñen programados para esta semana a través das súas redes sociais. De entrada a distribución musical nos quioscos de praia queda da seguinte maneira:

-Chiringuito de Alcabre: concertos martes e xoves
-Chiringuito de La Fuente: concertos mércores e venres
-Chiringuito da ETEA: concertos xoves e sábado
-Chiringuito Samil Garden: concertos xoves e sábado
-Chiringuito Vao Toralla: concertos venres e domingos
-Chiringuto de Samil: concertos sábado e domingo

Martes 4 ás 20:00 h – Javi Pacheco en chiringuito de Alcabre
Mércores 5 ás 20:00 h – Malaherba en chiringuito La Fuente
Xoves 6 ás 20:00 h – Adolfo FH en chiringuito de Alcabre
Xoves 6 ás 20:00 h – Algo pasa con Mery en chiringuito da ETEA
Venres 7 ás 20:00 h – Inthecisos en chiringuito La Fuente
Sábado 8 ás 20:00 h – The Frankies en chiringuito da ETEA
Sábado 8 ás 20:00 h – Va De Retro en chirinuito de Samil
Domingo 9 ás 20:00 h – Los Lunes al Sol en chiringuito Samil

The following two tabs change content below.

Tamara Novoa

A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.