A música celta toma Ortigueira encabezada por Gwendal, Milladoiro e La Bottine Souriante
Do 9 ao 13 de xullo, Ortigueira volve converterse na capital mundial da música celta coa celebración dunha edición histórica do Festival Internacional do Mundo Celta, marcada polo 50 aniversario da Escola de Gaitas de Ortigueira, impulsora do evento.

O Festival Internacional de música Celta de Ortigueira, nado en 1978 na localidade coruñesa, está de aniversario, pois a organización que impulsou a súa primeira década de vida, a Escola de Gaitas de Ortigueira, cumpre 50 anos. O cartel deste ano, deseñado por Mónica Fustes, rende homenaxe á Escola e ao espírito do Festival, incorporando palabras como “orgullo”, “raíces” ou “liberdade” nas linguas das nacións celtas.
O escenario Estrella Galicia acollerá unha programación de primeiro nivel que combina figuras senlleiras da música celta internacional e galega. Entre os grandes nomes destaca a mítica banda bretoa Gwendal, que celebra 50 anos de carreira, e os galegos Milladoiro, referentes indiscutibles do folk que cumpren 45 anos sobre os escenarios. Desde o Canadá, La Bottine Souriante volve a Ortigueira despois de 16 anos, ofrecendo o seu único concerto en Europa neste 2025.
Tamén será protagonista Flook, a recoñecida formación anglo-irlandesa, que chega celebrando tres décadas de traxectoria. Xunto a eles, o cuarteto escocés Dallahan achegará a súa mestura moderna de tradicións celtas, e o proxecto Indala, liderado polo músico galego Xosé Liz, estrearase nesta edición de Ortigueira.

O Festival tamén dá espazo ás novas xeracións: as bandas Alana e Buíoch, vencedoras do Concurso Runas 2024, regresan ao escenario principal tras o seu éxito do pasado ano. Ademais, os catro finalistas do Runas 2025 —Darach, Rae, Dalama & Carballido e Xara— demostrarán o talento emerxente que continúa renovando a escena folk desde distintas partes da península e das nacións celtas.
O Festival na Rúa contará con máis dunha ducia de bandas de gaitas de Galicia, Bretaña, Asturias e Escocia, que encherán de música as rúas de Ortigueira ata o desfile final do domingo. Entre as novidades destaca a inauguración da Vila Celta, novo espazo de concertos e encontro con actuacións de grupos como Os Carecos ou Embruxo. O Pequefestival, sección dedicada ao público infantil, medra tamén en contido e trasládase á Biblioteca Pública Municipal, con espectáculos como o de Magín Blanco, Teatro Ghazafelhos ou Mamá Cabra.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- El Perro Verde, cociña viaxeira no xardín - 9 Xullo, 2025
- A Póla, cultura e tardeo - 9 Xullo, 2025
- A música celta toma Ortigueira encabezada por Gwendal, Milladoiro e La Bottine Souriante - 4 Xullo, 2025
- Fai Bistés: tradición á grella no Casco Vello - 2 Xullo, 2025
- Seis actividades imprescindibles da Feira do Libro - 27 Xuño, 2025