A Movida súmase á campaña Subscríbete ao galego, que agasalla dominio web e hosting aos novos subscritores

Trece medios de comunicación, entre eles A Movida, participan na iniciativa Subscríbete ao galego, impulsada pola Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal, co obxectivo de promover o uso do galego en Internet e reforzar os medios na nosa lingua. A campaña premiará as novas subscricións cun dominio .gal e hosting gratuíto durante un ano. Podes subscribirte á Movida aquí.

A campaña Subscríbete ao galego desenvolverase entre o 17 e o 31 de maio. Durante ese período, todas as persoas que se subscriban a algún dos medios participantes, entre eles A Movida, recibirán de balde un dominio .gal e un servizo de hosting web durante un ano, un paquete valorado en máis de 170 euros que disporán ata o 30 de xuño para activar os seus códigos e facer uso desta vantaxe.

MILLO VERDE

A campaña nace nun contexto global marcado pola crecente dixitalización, no que a presenza das linguas propias en Internet resulta clave para garantir a súa visibilidade e normalización. Neste sentido, Subscríbete ao galego pretende facilitar que máis persoas dean o paso de crear e desenvolver proxectos en galego na rede, eliminando barreiras económicas iniciais e ofrecendo ferramentas profesionais.

Todas as persoas que se subscriban a un dos medios participantes antes do 31 de maio poderán acceder gratuitamente a un dominio .GAL e a un servizo de hosting web, o que lles permitirá dispoñer dunha conta de correo profesional co
seu propio dominio e poñer en marcha o seu proxecto web sen afrontar custos iniciais.
Trátase dun pulo á creación de contidos en galego e reforzar a súa presenza nun ámbito estratéxico como é o dixital.

Ao mesmo tempo, a campaña supón un impulso para os medios que forman parte da Asociación de Medios en Galego, fortalecendo a súa base de subscritores. Xunto a A Movida, participan nesta campaña A Trabe de Ouro, Código Cero, Mallando no Android, Mazarelos, Nós Diario, O Salto Galiza, Ouke!, Praza.gal, Revista Grial, Revista Luzes, Tempos Novos e Tempos Dixital.

A subscrición á Movida ten un custe de 30,00 € ao ano (puidendo elixir aportar unha cantidade maior) e inclúe recibir os dez números anuais da revista na casa, así como a posibilidade de participar en sorteos e actividades exclusivas. No mes de abril celebramos un encontro para subscritores con Fillas de Cassandra, sorteamos entradas para os concertos de Fillas de Cassandra e Rodrigo Cuevas, o festival Ouren Sound e o ciclo Girando por Salas.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.