A loita pola información en galego: do ‘Tío Marcos’ a TikTok

Cada 7 de febreiro, o xornalismo do país mira cara a Ourense e volve ao ano 1876, cando Valentín Lamas Carvajal botou a andar O Tío Marcos d’A Portela, a primeira publicación monolingüe en galego. Naquel entón, os retos eran a alfabetización e a dignificación dunha lingua labrega fronte á hexemonía do castelán. Hoxe, en 2026, a batalla mudou de escenario, pero mantén a esencia: os medios en galego loitan por seren visibles nun ecosistema no que os algoritmos de Silicon Valley e os orzamentos de San Caetano parecen falar só en castelán.

A realidade actual dos medios na nosa lingua atópase nun clarescuro. Por unha banda, o Instituto Galego de Estatística (IGE) ofrece un dato esperanzador: en apenas unha década triplicouse a porcentaxe de persoas que empregan máis o galego que o castelán na rede, que pasou do 1,74 % ao 6,01 %; pero esta primavera dixital choca contra un muro de xeo: o financiamento público e a arquitectura das grandes plataformas dixitais que fan que os datos non se trasladen aos medios de comunicación tradicionais.

ESCENICAS

Ata o ano 2023, as redes sociais eran a principal canle de tráfico para os medios dixitais, tamén en galego. Con todo, nese ano, plataformas como Facebook e Twitter comezaron a penalizar as publicacións con ligazóns externas e a premiar o contido nativo que mantén o usuario dentro da súa plataforma, o que cambiou o xeito en que os medios de comunicación atraen lectorado. Ao mesmo tempo, cobrou forza Google Discover, a principal vía de tráfico do xornalismo actual, que amosa unha resistencia férrea a posicionar noticias en galego. Isto explícao Javier H. Rodríguez, director da división galega de O Salto, que tamén lamente como a configuración por defecto en castelán dos móbiles invisibiliza os contidos na nosa lingua: «Se ti non tomas a molestia de cambiar todas as apps a galego, cando se pode, as cookies non che van amosar temas nesa lingua no teu teléfono». Por estes motivos, e tras «moitas xornadas de debates arduos», en 2023 a delegación galega de O Salto decidiu deixar de publicar só en galego, como viña facendo nos tres anos anteriores, para pasar a facer versións bilingües co fin de, en palabras de Javier, «enganar o algoritmo»: desta maneira o lectorado chega á información a través do castelán e atopa logo a icona que o leva ao texto orixinal en galego.

Javier H. Rodríguez | Iris Justo

Á dificultade de aparecer nos motores de busca súmase a irrupción da intelixencia artificial (IA). Alberte Mera, director de Nós Diario, advirte sobre como «os resumos que a IA ofrece directamente no buscador están a derrubar as visitas aos xornais dixitais, un fenómeno que obriga a repensar o modelo de negocio». Estes resumos, proporcionados por Gemini no caso de Google, aparecen sempre en castelán, aínda que teñas o galego como lingua de preferencia.

Nós Diario é a día de hoxe o único medio impreso con publicación case diaria (de martes a sábado) en galego. Para Alberte Mera, esta aposta foi unha necesidade democrática con apoio no público: «Nos cinco anos que levamos saíndo, corroboramos que si había unha necesidade de prensa diaria en papel en galego que cubrise o oco que quedara tras a gran crise dos medios de comunicación a partir de 2010». O director de Nós Diario sinala que o proxecto é viable grazas á súa comunidade de subscritores, pero denuncia que o Goberno autonómico os exclúe das axudas a medios impresos por unha interpretación restritiva da periodicidade. Mera subliña que «a Xunta nos considera fóra da prensa diaria contravindo o que en Europa está normalizado, que é considerar un diario toda publicación que sae máis de catro días á semana», e coida que «a Administración se agarra a esa escusa para pecharlle a billa económica ao único xornal diario na lingua do país».

Alberte Mera | Paula Cermeño

A gran crítica que une o sector é a falta de transparencia e a arbitrariedade na repartición do diñeiro público aos medios. A Secretaría Xeral de Medios convoca con periodicidade anual axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, cun orzamento de arredor de 1,98 millóns de euros. O obxecto destas axudas é, tal e como se explica na convocatoria, a «normalización da lingua e o afondamento na cultura», pero a realidade é que para acceder a estas partidas se esixe un mínimo irrisorio do 10 % de contidos en galego; deste modo, medios que utilizan de forma maioritaria o castelán levan tradicionalmente ata nove veces máis contía económica que os que usan en exclusiva o galego. Belén Regueira, decana do Colexio de Xornalistas de Galicia, denuncia que, ademais, ese 10 % «ni se fiscaliza ni se cumpre». Regueira sostén que «as ferramentas económicas públicas poderían e deberían usarse de maneira moito máis decidida para apoiar proxectos monolingües ou para que a porcentaxe de uso nos bilingües fose maior». Ademais, critica que para moitos medios pequenos é imposible acceder a elas, pois obrigan a un mínimo de persoas contratadas, o que «impide crecer e fomenta un círculo vicioso de precariedade».

Belén Regueira

Fernando de Paz, presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) e director da revista Tempos Novos, coincide neste diagnóstico de precariedade crónica. Para De Paz, o problema non é só a contía, senón tamén a intención política: «A situación dos medios en galego nunca foi estable, polo que unha boa medida sería crear fontes de financiamento ordinarias específicas para medios nesta lingua». Así o recolle un informe con medidas concretas para potenciar o uso do galego que presentaron ante o Goberno en 2025, pero que «non foi tomado en consideración». AMEGA tamén levou ao Parlamento unha Proposta de lei de publicidade institucional en 2015 que propoñía reservar un 25 % do orzamento publicitario para medios en galego, mais foi rexeitada polo partido maioritario.

A comparativa con outras comunidades con lingua propia evidencia a falta de ambición galega. Segundo a proposta publicada polo Colexio de Xornalistas en outubro de 2023, noutros territorios o apoio é integral: Cataluña destina o 100 % das axudas para os medios en catalán, igual que en Euskadi, e nas Baleares esíxese un mínimo do 80 % do contido na lingua propia. Mentres, en Galicia, o sistema acaba premiando medios que, di Mera, «utilizan o galego de xeito accesorio e residual, traducindo contidos unicamente para cumprir o requisito».

«A configuración por defecto en castelán dos móbiles invisibiliza os contidos na nosa lingua»

Javier H. Rodríguez, director de O Salto Galiza

Máis aló das axudas en concorrencia competitiva, o groso dos fondos públicos repártese no que Alberte Mera denomina «o gran pastel»: contratos publicitarios e concertos asinados de xeito discrecional. Segundo informacións de Público, Alberto Núñez Feijóo repartiu preto de 45 millóns de euros en axudas directas e convenios opacos durante os seus trece anos de mandato. Baixo o goberno de Alfonso Rueda, a tendencia mantense: entre 2024 e 2025, a Xunta entregou quince veces máis diñeiro aos medios en castelán que aos que usan integramente o galego. Mera denuncia que se trata dunha «repartición discrecional, a dedo», polo que se require dunha lei que garanta «unha distribución transparente na que todo o mundo saiba cantos cartos públicos recibe cada medio». Fernando de Paz concorda con esta análise e cualifica estes convenios de «compras de vontades», cos que se paga unha «presunta cobertura informativa que en realidade é puro márketing».

Este problema de opacidade trasládase tamén ao ámbito local. En Vigo, a repartición da publicidade institucional está subcontratada á empresa privada Ecovigo, que xestiona arredor dun millón de euros anuais baseándose en criterios de «visibilidade». Este modelo fai que o proceso sexa opaco e que os fondos acaben sistematicamente nas mans do diario máis lido da cidade, deixando fóra os medios en galego e independentes. Javier H. Rodríguez denunciou en O Salto que, xusto antes das últimas eleccións municipais, o goberno de Abel Caballero licitou polo menos 2,5 millóns de euros para comprar espazos publicitarios en medios afíns. Un exemplo máis recente é a organización da Gran Gala do Deporte de Vigo, organizada polo Faro de Vigo e financiada polo Concello con 75.000 euros mediante un procedemento pechado «negociado sen publicidade». Belén Regueira advirte que o efecto desta repartición arbitraria é «dopar algúns e deixar sen aire outros».

«Precisamos unha lei que garanta unha distribución transparente na que todo o mundo saiba cantos cartos públicos recibe cada medio»

BARAFUNDA
Alberte Mera, director de Nós Diario

Para entender a resiliencia do sector, convén mirar cara a atrás. O ano 2007, xusto antes da crise económica (que no xornalismo coincidiu coa consolidación dos medios dixitais), foi un momento de efervescencia mediática en galego. Naquel entón contabamos co diario Galicia Hoxe (editado por El Correo Gallego), o semanario en papel A Nosa Terra, o pioneiro dixital Vieiros ou o xornal gratuíto De Luns a Venres. A crise de 2008 e o recorte de axudas institucionais levaron por diante todas estas cabeceiras entre 2010 e 2011. Hoxe, o mapa é diferente: aínda que máis fragmentado, hai máis de 140 medios que empregan o galego. A desaparición dos xigantes deu paso a unha rede de medios de proximidade e especializados, maioritariamente dixitais: GCiencia no ámbito científico, Que Pasa na Costa na información local, As Nosas no deporte feminino ou Praza Pública no xornalismo de investigación e datos. Fernando de Paz sinala que estes medios de proximidade son os que mellor están recuperando lectorado grazas á especialización, á pericia nas redes sociais e ao interese da xente polo que acontece no seu contorno máis inmediato.

A pesar das trabas do algoritmo, o galego tamén está vivo nas novas plataformas: o auxe de influencers e youtubers que empregan a nosa lingua é unha realidade palpable. Alberte Mera sinala que en Nós Diario están a facer esforzos en TikTok e Instagram para achegarse a un público novo que hoxe non merca prensa en papel: «Unha vez que consolidamos o papel como un xornal de cabeceira, estamos esforzándonos no dixital para chegar a novas xeracións que non teñen o papel como formato habitual no que ler prensa».

A diglosia e os algoritmos son os novos muíños de vento do xornalismo galego. Se as institucións non exercen un papel protector e transparente, o dereito básico á información na lingua propia seguirá dependendo dun voluntarismo que non abonda.

Paula Cermeño
Redactora

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.