A lenda brasileira Toquinho repasou en Vigo sesenta anos de cancións

O Mar de Vigo acolleu este xoves o concerto da lenda da música brasileira Toquinho, que repasou os seus sesenta anos de traxectoria nunha actuación breve pero chea de emoción. No auditorio citáronse centos de persoas, moitas delas compatriotas do músico, para celebrar unha vida de cancións.

FAITE AMOVIDALOVER
Toquinho no Mar de Vigo | Paula Cermeño

Este xoves Antônio Pecci, máis coñecido como Toquinho, demostrou no Mar de Vigo por que é unha das figuras clave da historia da música brasileira, para nada exenta de persoeiros. A piques de facer 80 anos, e cunha posta en escena sobria (propia de quen non precisa de grandes artificios para chamar a atención) Toquinho repasou case seis décadas de traxectoria e sorprendeu coa súa técnica e emoción ás seis cordas, que semella intacta malia o paso dos anos. Os seus dedos galopaban con habilidade polo mastro e a súa voz, gastada pola idade, chegou próxima e honesta aos centos de persoas, moitos deles compatriotas brasileiros, que se achegaron a Beiramar a desfrutar da súa música imperecedoira.

Toquinho e a súa banda | P. Cermeño

Toquinho mostrouse moi falangueiro e simpático entre cancións, e ademais fixo pública a súa ledicia de volver a tocar en Vigo (actuou en 2006 en Castrelos xunto a Milton Nascimiento) e poder falar en portugués coa audiencia. Nestes pequenos monólogos tivo palabras de agarimo para moitos artistas cos que compartiu xeración e escenario, ou simplemente porque os admiraba, como Caetano Veloso, Chico Buarque, Tom Jobim, Baden Powell, Violeta Parra, João Gilberto ou Gal Costa. Houbo un que destacou sobre o resto, pois xuntos compuxeron máis dun cento de cancións durante a década dos setenta: Vinicius de Moraes, co que formou unha dupla histórica ata a súa morte en 1980.

Toquinho | P. Cermeño

Tras un primeiro bloque no que actuou acompañado por un baixista e un batería, aos corenta minutos de actuación apareceu en escena Camilla Faustino, que aportou unha nova sonoridade ás cancións coa súa potente voz. Ao longo da hora e cuarto que durou o concerto soaron cancións como ‘Corcovado’, ‘Samba de Orly’, ‘Samba pra Vinicius’, ‘Tarde en Itapõa’, ‘O que será’ e ‘Berimbau’. Rematou con catro clásicos: ‘Aquarela’, ”A tonga da mironga do kabuletê”, ‘Tristeza’ e ‘A felicidade’. A pesar da breve duración do show, o público saíu feliz e satisfeito de poder ver en vivo a un referente da guitarra e da música, non só brasileira, senón universal.

Toquinho e Camilla Faustino | P. Cermeño

The following two tabs change content below.