A idade de ouro da lutería galega

A lutería en Galicia atravesa un momento de transformación profunda. Deixou atrás o estigma do artesán illado para converterse nun sector dinámico, conectado e cunha calidade recoñecida a nivel internacional. Este «arquivo vivo» do coñecemento ten hoxe un altofalante fundamental no pódcast Resonancias, unha plataforma de divulgación dirixida pola viguesa Beatriz Fontán e producida polo músico Samuel Diz. Con máis de cincuenta episodios, este espazo aborda desde a investigación organolóxica ata a construción contemporánea e serve de punto de encontro para profesionais da lutería e a musicoloxía. En capítulos recentes tratáronse temas tan diversos como a presenza das mulleres na lutería (ep. 51), a prevención de riscos laborais nos talleres (ep. 48) ou proxectos innovadores como o de Adrián M. Pereiro, que construíu un violonchelo con madeiras das catro provincias galegas (ep. 41).

Un dos piares deste ecosistema é a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo. O seu edificio, obra de Michel Pacewicz, é un oasis artístico no centro da cidade: entre os seus muros de pedra o alumnado aprende pintura, debuxo, serigrafía, costura, cerámica, artesanía en coiro, ourivería ou talla en madeira. Tamén está presente a lutería, mais, tras a xubilación do mestre Ramón Casal, a especialidade de instrumentos antigos desapareceu da oferta formativa e agora só se mantén o obradoiro de instrumentos musicais populares galegos. Daquelas aulas saíron os tres protagonistas que hoxe lideran a lutería de excelencia desde Vigo e a súa área.

Anxo Cabreira comezou a súa andaina na EMAO en 2002. O que empezou sendo unha curiosidade por facer as súas propias gaitas e zanfonas acabou converténdose nunha paixón pola familia do violín. Tras formarse en Bilbao e exercer como restaurador nos Ánxeles, onde tivo nas súas mans instrumentos históricos de Stradivari ou Amati, regresou a Vigo en 2014 para abrir o seu taller en Navia. Cabreira centrouse no cuarteto de corda clásico (formado por dous violíns, unha viola e un violonchelo) pola súa extrema dificultade técnica. «Decidín especializarme nisto pola súa complexidade; como, a partir dunha peza sólida, crear un elemento estrutural que resoa e soporta tantos quilos, e no que pequenas variacións cambian o timbre», explica. Para el, «Galicia é exportadora de coñecemento de artesáns: no tema tradicional está moi arriba e no clásico temos algúns dos mellores profesionais do mundo».

Desde a perspectiva económica, Anxo entende o seu taller como un elo dentro dos servizos culturais e artesanais da cidade. Aínda que a construción de pezas novas é fundamental, a restauración e o mantemento diario representan o 50 % da actividade. «O groso da economía móvese no coidado dos instrumentos; somos bastante coñecidos fóra e o que te sitúa é o que o cliente che pide», sinala, destacando que traballan habitualmente para músicos de fóra de Galicia e de España.

Lorena Reinaldo: «Se tocas o instrumento que constrúes, xa sabes o que ten que ter e que che pode dar»

En Soutomaior atopamos a Lorena Reinaldo, unha das figuras máis veteranas do sector, con máis de 25 anos de oficio. O seu encontro coa lutería foi casual en 1998, cando se matriculou na EMAO para aprender a tocar a arpa con Rodrigo Romaní e acabou construíndo o seu propio instrumento. Para ela, ser música e construtora é a combinación perfecta: «Se tocas o instrumento que constrúes, xa sabes o que ten que ter, que queres del e que che pode dar». Reinaldo destaca que Galicia é unha «terra de moitos artesáns», cun mercado moi consolidado en instrumentos de vento e percusión, pero onde a corda gañou moito terreo. No seu taller non só nacen arpas tradicionais; a súa inquietude levouna a experimentar con arpas eléctricas e instrumentos complexos como a arpa de dobre orde, así como con outros instrumentos de corda como guitarras eléctricas, baixos acústicos, mandolinas, buzukis ou ukeleles.

Lorena fai énfase no cambio na mentalidade do sector: «Hoxe compartimos coñecementos e experiencia; a mentalidade abriuse moito respecto ao segredismo de antes». No económico, asegura que o volume de traballo se mantén estable e que o «boca a boca» segue a ser a súa mellor ferramenta de venda, nun mercado no cal a demanda de xente nova está a crecer grazas á aparición de novas escolas de música.

Marcos Domato: «Desde a aparición das redes sociais veste obrigado a internacionalizarte»

Na rúa de Gregorio Espino, Marcos Domato representa a «última onda» de lutería moderna. Neto de artesáns e fillo de guitarrista, Domato abriu o seu taller en 2015 tras formarse tamén na EMAO. Especializado en guitarra clásica, o seu proceso de traballo foxe das présas: cada peza require unha dedicación mínima de mes e medio. Domato aplica un enfoque científico e utiliza madeiras ecolóxicas de máxima calidade, o que lle permite competir nun mercado globalizado. «Desde a aparición das redes sociais veste obrigado a internacionalizarte; hoxe teño guitarras en Italia, en Alemaña e noutros países europeos», relata, subliñando a ironía que supón ter máis clientes do resto de Europa que do seu propio país. Segundo el, a lutería, aínda que non sexa o traballo mellor remunerado, permite «ter unha vida tranquila e ser unha persoa relaxada, porque non sofres ese estrés diario que teñen moitas empresas».

Como vicepresidente de LABRA, a Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais, Marcos traballa para que o sector sexa recoñecido como unha industria cultural de peso e se valore a «indiscutible calidade» da lutería galega actual, desde o clásico ata o tradicional.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.