A Fundación Casares promove o galego a través da linguaxe humorística en memes e videoxogos

A Fundación Carlos Casares explora novas formas de comunicación creativa da mocidade e a xuventude á hora de dinamizar o galego, e promove un concurso escolar de “memes” polo galego e unha game jam para crear videoxogos de humor en lingua galega.

A mocidade e a xuventude expresan a súa creatividade de novas e diversas formas, distintas ás veces das convencionais. A Fundación Carlos Casares quere explorar estoutras formas de comunicación e aproveitalas para expandir a promoción e dinamización da lingua galega.

Con este compromiso, a Fundación Carlos Casares organiza dous concursos titulados “Dende o galego, con humor”. O primeiro é un concurso escolar de memes humorísticos que promocionen o uso do galego, onde se premiará a creatividade, o uso da retranca ou aspectos culturais da nosa sociedade vistos desde a perspectiva do alumnado de Galicia. O segundo é unha game jam para maiores de 18 anos, co obxectivo de crear en 7 días un videoxogo en galego cun tema que será revelado o 5 de decembro, pero que deberá realizarse en lingua galega e ter un ton humorístico.

Dirixido a persoas maiores de 18 anos, a Game Jam “Dende o galego, con humor” busca que desenvolvedores/as, artistas, escritores/as… que traballan, que se están a formar ou que teñen como afección a creación no sector do lecer interactivo leven a cabo en solitario ou en equipos de ata tres persoas un videoxogo ou prototipo xogable humorístico en lingua galega nun prazo de 7 días, do 5 ao 12 de decembro. A particularidade dunha Game Jam radica en que o tempo de traballo é limitado, e que ademais existe un tema que se revelará ao inicio do prazo de traballo, o 5 de decembro. Neste caso, o ton do videoxogo deberá ser humorístico nalgún sentido.

Os criterios que o xurado empregará para seleccionar os equipos gañadores, en función das súas propostas, serán a adaptabilidade á temática proposta, a narrativa, a estética (arte, música…), a xogabilidade do prototipo, a orixinalidade da proposta e a calidade ou coherencia na aplicación de recursos e/ou complementos.

A páxina da Game Jam está albergada no sitio de videoxogos indie Itch.io, e nela indícase que haberá tres premios para os proxectos presentados que resulten elixidos. O primeiro clasificado levará un premio de 300 euros, o segundo de 150 euros e o terceiro premio 75 euros.

REVISTA NADAL

O concurso está destinado a escolares de ESO e Bacharelato de Galicia. Ten lugar do 20 de novembro ao 15 de decembro de 2025. O obxectivo desta acción é o de apoiar o proceso de dinamización da lingua galega entre o alumnado de secundaria e bacharelato para que, a través do humor, fomenten a creatividade utilizando ferramentas que lles son propias e familiares e contribuír, deste xeito, á promoción de uso do galego, a mellora do seu prestixio e a súa dinamización social, utilizando a súa propia forma de ver o mundo e a súa creatividade, poñendo de relevo situacións actuais a través do humor. Consulta aquí as bases.