A forza do delicado: as xoias de vidro de Toda Frágil
Toda Frágil é a marca de xoiería artesanal creada por Silvia Calvo, artista galega que transforma o vidro en pequenos amuletos luminosos. Desde o seu obradoiro en Galicia e un taller colaborativo en Barcelona, traballa coa técnica do flamework para dar forma a pezas únicas cheas de cor, forza e delicadeza.




Toda Frágil é unha marca de xoias de cristal feitas de maneira artesanal que celebra o delicado como unha forma de forza. A man da artista tras este proxecto é a de Sil (Silvia Calvo), nacida na aldea de Silvalonga, en San Sadurniño (A Coruña). Traballa entre dous lumes: o seu obradoiro na casa, en Galicia, e un taller colaborativo en Barcelona. Sil pasa tempadas nestes dous lugares, e ese ir e vir nótase en todo o que fai: pezas coa calma atlántica e o eclecticismo da cidade. Formouse en dirección de arte especializada en estratexias de comunicación de marca, pero o seu camiño sempre foi o das artes aplicadas. Tocou distintas disciplinas artísticas cunha obsesión constante: buscar o «acabado útil» da arte, ese punto no que o bonito tamén serve, acompaña e comunica.Por este motivo é unha apaixonada do vidro, porque é emoción convertida en materia: lume, aire e un instante exacto que non se repite e que permite transformar palabras e ideas en obxectos que se levan, se regalan ou se gardan preto.


Cada peza de xoiería de Toda Frágil é unha forma de dicir algo sen falar, un amuleto luminoso que conecta con quen es e co que constrúes. Os seus deseños son únicos e están feitos á man en vidro coa técnica do flamework, coa que a cor, a diversión e a emoción se transforman en arte para levar. Porque ser fráxil non significa romper: significa brillar dun xeito único. Se queres levar sempre contigo un colar, un anel ou outra peza de Toda Frágil, visita o seu web ou contacta con Sil a través do seu Instagram. Aneis e pendentes con todas as cores; texturas sólidas pero case efémeras; transparencia, forza e brillo. Aposta pola enerxía do vidro e mostra con orgullo o teu amuleto.
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Dos Nudos: Catro mans, dous nós - 16 Abril, 2026
- A forza do delicado: as xoias de vidro de Toda Frágil - 11 Marzo, 2026
- Xoias para un ‘look’ total - 6 Febreiro, 2026
- Dez ideas de regalo local para este Nadal - 10 Decembro, 2025
- Crea pezas únicas ou dálle unha segunda vida a calquera roupa con Felicetta Gualtieri - 10 Decembro, 2025

