Fillas de Cassandra, El Nido e Baiuca actuarán na Festa da Carballeira de Zas
A Festa da Carballeira de Zas xa ten pechado o cartel da súa 41ª edición, que se celebrará os días 7 e 8 de agosto na Carballeira de Velar. O festival, unha das citas históricas da música folk en Galicia, combinará nesta nova edición propostas de raíz, folk contemporáneo e sons electrónicos, ademais de actividades para público familiar.

A programación musical arrancará o venres 7 de agosto ás 22:00 horas coa actuación de El Nido. A continuación subirán ao escenario Baiuca, unha das propostas máis destacadas da electrónica de inspiración tradicional, e o músico bretón David Pasquet, encargado de pechar a primeira xornada.
O sábado a actividade comezará xa pola mañá, a partir das 12:00 horas, cun programa pensado para todos os públicos que contará con Paco Nogueiras, Xabier Díaz, Cé Orquesta Fantasma e o Mago Teto. A tradicional foliada popular completará a programación diúrna. Pola noite será a quenda dos concertos principais, con actuacións de Alana, Radio Cos, os irlandeses Backwest, Fillas de Cassandra e Señora DJ, que porá o peche á edición deste ano.
Ademais da programación musical, o festival contará con zona de acampada gratuíta, feira de artesanía, espazo infantil e unha oferta gastronómica variada.
As entradas anticipadas xa están á venda na web oficial do festival. En taquilla, os prezos serán de 20 euros por día e 30 euros o abono para as dúas xornadas. A entrada será gratuíta para menores de 14 anos e maiores de 65.




