A exposición ‘Miña nai!’ amosa 45 fotografías sorprendentes de maternidade no mundo animal
A sala de exposicións do Teatro García Barbón acolle Miña nai! Maternidades e crías no mundo animal, unha exposición que combina fotografía, ciencia e educación ambiental, ofrecendo ao público un percorrido polos coidados e estratexias de distintas especies para protexer ás súas crías. A mostra poderá visitarse de balde ata o 20 de xuño e contará con visitas guiadas e actividades didácticas para todos os públicos.

A Sala de Exposicións do Teatro García Barbón acolle desde este martes 24 a exposición Miña nai! Maternidades e crías no mundo animal, unha proposta que reúne 45 impactantes fotografías que amosan como distintas especies afrontan o nacemento, a crianza e a educación das súas crías. A mostra, organizada por Afundación en colaboración coa Editorial Lunwerg, convida aos visitantes a reflexionar sobre a diversidade e creatividade dos comportamentos maternos no reino animal.
Entre as imaxes expostas inclúense momentos de peixes pallaso, flamencos, capibaras, osos gris, hipopótamos, orangutáns e pingüíns rei, amosando como cada especie desenvolve estratexias únicas para protexer e alimentar ás súas crías. Desde marsupiais que transportan ás súas crías en bolsas ata xacanas nas que os machos se encargan do coidado, ou elefantes que comparten a crianza entre nais, irmás e tías, a exposición revela a variedade de solucións que a natureza creou para asegurar a supervivencia da descendencia.

O comisario da mostra é Fernando González Sitges, escritor, cineasta, biólogo ambientalista e tamén director da Fundación Bioparc. Sitges defende a fotografía como unha ferramenta de concienciación ambiental, destacando que a maternidade no mundo animal, observada desde a perspectiva humana, permite empatizar con outras especies e recoñecer un impulso universal por protexer ás novas xeracións.
A exposición enmárcase dentro do compromiso de Afundación coa educación e a cultura ambiental. Segundo Marite Cores, coordinadora da Área de Cultura, a entidade desenvolve ao longo do ano actividades que fomentan a sensibilidade social e medioambiental, desde obradoiros creativos e educativos ata intervencións directas no territorio.

O programa inclúe visitas guiadas gratuítas para todos os públicos, previa inscrición, que se celebrarán os días 5 e 26 de marzo, 9 e 23 de abril, 7 e 21 de maio e 4 e 18 de xuño, todas ás 19:00 h. Ademais, a mostra conta cun completo programa didáctico para centros escolares, con máis de 1.000 alumnos xa inscritos.
A exposición forma parte tamén do programa ‘Cultura por alimentos’, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, mediante o cal os visitantes poden aportar produtos non perecedoiros que serán distribuídos a través do Banco de Alimentos de Vigo.


