A editorial viguesa Catro Ventos liquida o seu catálogo por cese de actividade
Ata o 30 de novembro atoparemos na web de Catro Ventos Editora parte do seu catálogo a prezos entre tres e cinco euros. O motivo é o cese da actividade da cooperativa orixinaria, mais o selo editorial terá continuidade baixo outras persoas responsables.

O pasado mes de setembro a editorial viguesa Catro Ventos Editora anunciaba nunha publicación nas redes sociais que a cooperativa que creou o proxecto cesaba a súa actividade “por motivos persoais das socias”. A editorial estaba centrada na publicación de libros en galego sobre o consumo sostible, a crianza alternativa, os dereitos humanos, a ecoloxía e a economía social.
Dous días despois actualizaban a información puntualizando que o cese era só da cooperativa, e que a marca, Catro Ventos Editora, terá continuidade. En calquera caso, na tenda en liña atopamos ata o 30 de novembro case todo o seu catálogo a prezos de saldo, isto é, entre 3 e 5 euros (preme aquí para consultalo). Ademais, se recolles as obras no local da editorial (no Espazo Nido, rúa Ferrería 25), non se aplican gastos de envío.
Sobre Catro Ventos
Catro Ventos Editora é unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro fundada en Vigo en 2016 e constituída por cinco persoas socias, todas procedentes e especializadas en diferentes eidos, pero cuns valores e preocupacións comúns.
A idea de poñer en marcha a editorial xurdiu da combinación de dous elementos igualmente importantes: o desexo das persoas impulsoras de desenvolver unha actividade profesional que non só resultase viable economicamente, senón tamén coherente cos seus principios éticos; e a constatación de que existe un baleiro no mundo editorial galego nos eidos da economía social e da ecoloxía, malia o interese crecente da sociedade en xeral por estas cuestións.
Desde o inicio, o equipo promotor tivo claro que o modelo a seguir era o da economía alternativa e solidaria, na que os principios éticos, ambientais e sociais son, cando menos, tan relevantes como os principios económicos e profesionais.
Fieis ao principio de sustentabilidade ambiental que, entre outros, rexe as actividades de Catro Ventos, as persoas responsables da editorial traballan para que a pegada ecolóxica dos seus libros sexa a mínima posible, eliminando materiais de orixe fósil (como os plásticos), reducindo as emisións contaminantes (por exemplo, no transporte) e empregando substancias biodegradables que non xeren residuos tóxicos.



