A editorial Triqueta e o HematoFesti convocan o III Premio Internacional de Álbum Ilustrado “Humor con H” cunha dotación de 5.000 €
A iniciativa, que honra a memoria e a filosofía vital do escritor e mestre o Hematocrítico, abre a súa participación a autores e ilustradores de todo o mundo. O proxecto gañador será publicado por Triqueta Editora en galego, castelán, catalán e euskera.

A editorial viguesa Triqueta Editora, en colaboración coa organización do festival de literatura infantil e humor HematoFesti, anuncia a apertura da convocatoria para o III Premio “Humor con H” de Álbum Ilustrado Infantil. Este galardón ten como obxectivo principal promover e espallar a filosofía de Miguel Ángel López, o Hematocrítico: unha ollada á vida baseada na xenerosidade, a empatía e, por suposto, o humor como ferramenta fundamental para a aprendizaxe e o desenvolvemento dos máis pequenos.
Un premio con proxección internacional
O certame ten un marcado carácter internacional, o que permite a participación de autoras, autores e ilustradores maiores de idade de calquera país do mundo, sempre que se presenten cun único proxecto. Co fin de garantir a máxima difusión e inclusión, as obras presentadas poden estar escritas en calquera das linguas oficiais do Estado español (galego, castelán, catalán ou euskera).
Bases principais e requisitos do certame
As persoas interesadas en participar deberán cumprir coas seguintes directrices recollidas nas bases do concurso:
- Obras orixinais e inéditas: Valoraranse proxectos en formato de álbum ilustrado infantil de humor que non fosen comunicados nin total nin parcialmente con anterioridade.
- Formato libre e extensión: Admítese calquera tamaño, técnica ou formato para as ilustracións. A extensión máxima do proxecto non poderá superar as 40 páxinas no seu conxunto, incluíndo as gardas e a cuberta.
- Dotación económica: Establécese un premio único de 5.000 euros, que se entregará en concepto de anticipo de dereitos de autoría.
- Publicación multilingüe: A editorial Triqueta asumirá a publicación da obra premiada nas catro linguas oficiais (galego, castelán, catalán e euskera), co correspondente contrato de edición. Así mesmo, resérvase o dereito de publicar algunha obra que reciba unha mención especial do xurado.
Para facilitar a recepción internacional, a entrega dos traballos realizarase de xeito exclusivamente dixital a através do correo electrónico: humorconh@triquetaverde.com.
Prazo e xurado
O prazo para a recepción de todos os proxectos rematará o último día de febreiro de 2027. A decisión corresponderá a un xurado profesional e experto no ámbito do álbum ilustrado infantil, que avaliará as propostas en función da calidade artística global, a complementación entre o texto e a ilustración, e o tratamento do humor como eixo vertebrador do concurso. O fallo do xurado darase a coñecer publicamente durante o mes de abril de 2027.
As bases completas poden ser consultadas en detalle na páxina web oficial de Triqueta Editora (www.triquetaverde.com) e a través das súas redes sociais.



