A Editorial Galaxia fai un percorrido histórico polas capas do seus libros no MARCO

Un país ilustrado é un proxecto expositivo que pon o foco no protagonismo e relevancia dos deseñadores que traballaron na Editorial Galaxia ao longo dos seus 75 anos de historia. O propósito é traer ao primeiro plano o labor de deseño e imaxe da editorial a través dunha selección das cubertas de Galaxia, organizadas segundo criterios cronolóxicos e temáticos. Pode visitarse ata o 17 de maio no primeiro andar do Museo MARCO.

A mostra comeza cunha contextualización da Editorial Galaxia como proxecto, dende as motivacións dos seus fundadores en 1950, ata os novos horizontes do actual equipo, con especial atención á figura de Xaime Isla Couto, polo seu descoñecido papel no deseño de Galaxia. O seu perfil no deseño pasa desapercibido de maneira inxusta. Á súa man perténcelle a imaxe corporativa de Galaxia, da Fundación Penzol, de SEPT, da Revista Galega de Economía e de Grial. Ademais disto, fundou a colección Illa Nova (1957), creada para as novas fornadas literarias, chamada así pola alianza do seu apelido co da súa dona, Cristina Novoa.

XORNADA XUNTA

A partir de aquí, a montaxe organízase en catro seccións coincidentes coas etapas á fronte do deseño editorial de Xohán Ledo (1950 -1979), Francisco Mantecón (1979 -1985), Manuel Janeiro (1979 -2010) e Hayat Husein (de 2010 ata o presente). Ao fondo da sala, unha escolma de obras pictóricas, como exemplo de como a Editorial Galaxia escolleu determinados detalles de cadros para ilustrar as capas dos seus libros e coleccións. Neste espazo atopamos obras orixinais dos recoñecidos artistas galegos Laxeiro, Urbano Lugrís, Maside, Seoane e Arturo Souto.

O proxecto inclúe unha área dedicada á literatura infantil, a medio camiño entre sala de exposición e espazo de experimentación. Xunto a exemplares dos primeiros libros infantoxuvenís en galego publicados por Galaxia, unha selección actual e versións de clásicos da literatura.

Un país ilustrado pretende poñer en valor o traballo moitas veces invisible dos deseñadores editoriais, responsables do aspecto visual do libro. Malia o dito de que non se debe xulgar un libro pola súa capa, é evidente a importancia que unha boa imaxe pode ter á hora de chamar a a atención dos posibles compradores nos andeis dunha libraría ou nun catálogo en liña. A mostra tamén serve para analizar as diferentes tendencias de deseño que houbo nas últimas décadas, ademais do estilo persoal de cada un dos deseñadores da editorial.

Horarios apertura
De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Domingos, de 11.00 a 14.30

Actividades complementarias
En paralelo a esta exposición, o MARCO e a Editorial Galaxia organizan unha serie de actividades complementarias que axude a coñecer e afondar nos contidos e obxectivos da mostra. A programación irá actualizándose e ampliándose ata a data de clausura.

“A presenza de Rosalía en Vigo”
No contexto do Día de Rosalía de Castro, roteiro por distintos puntos da cidade, rematando o percorrido na sala da exposición no MARCO.
Conducido por: Xurxo Martínez González, comisario da mostra
Data e horario: sábado 21 de febreiro ás 12.00
Prazas limitadas ata completar capacidade
Reservas de praza en recepcion@marcovigo.com

Percorrido poético
No contexto do Día do Libro, percorrido pola mostra “Un país ilustrado” e recitado de poemas relacionados coas obras expostas.
Conducido por: Tamara Andrés, directora da colección Dombate
Data e horario: sábado 25 de abril ás 12.00
Prazas limitadas ata completar capacidade
Reservas de praza en recepcion@marcovigo.com

Presentación do catálogo da exposición
Co gallo desta mostra, a Editorial Galaxia publicará un catálogo que reúne textos de diferente autoría, documentación, e imaxes das obras en exposición, e que será presentado no MARCO nunha data por concretar.