A duodécima edición do Certame Vigo Histórico xa ten relatos gañadores

O relato Solsticio, de Iris Darriba Quesada, é o gañador da doudécima edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira. O segundo premio foi para O derradeiro concerto, de Eduardo J. Ares.

Esta mañá deuse a coñecer a resolución do xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado por Editorial Elvira, un certame no que participaron uns 160 escritores maioritariamente galegos, pero tamén do estranxeiro. Como nas últimas edicións, houbo unha gran presenza de concursantes de Vigo e iso tamén se ve reflectido nos premios, sendo os dous primeiros da nosa cidade. A gañadora recibirá un premio de mil euros, mentres que o segundo terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un.

Os dous relatos premiados son completamente diferentes. O primeiro premio, Solsticio, de Iris Darriba Quesada , é un relato de triste actualidade, duro e que escarva na alma, cunha construción entre a realidade e o onírico e que ten un remate impactante, que non deixará indiferente a ninguén. A autora, veciña do Casco Vello vigués, xa se presentara en varias ocasións ao Certame e na última edición logrou publicar un relato no libro, aínda que ata o de agora non acadara un premio.

O segundo premio foi para O derradeiro concerto, de Eduardo J. Ares, no que o autor recorda un concerto celebrado en Vigo o 1 de agosto de 1976, o primeiro verán tras o falecemento de Franco, e en plena transición cara á democracia. Así, no relato hai política, música, historia e a morte tráxica dunha cantante moi nova, Cecilia, que fixo o seu último concerto na sala Nova Olimpia de Vigo.

REVISTA NOVEMBRO

Os accésits son para O valor da memoria e os recordos, de Azucena Arias; Palabras rescatadas, Ana María Verde; Ochenta vueltas al mundo, de Fátima González, e Asasinato en Relatos na Rúa, de Antón Beiras. A Editorial Elvira publicará un tomo recompilando os cinco gañadores, máis outros 22 relatos presentados. Como xa é tradición, o grupo Diseñatas, da fundación IgualArte, aportará ilustracións ao libro e participará na gala de entrega de premios, que se celebrará a finais de novembro.