A despedida das Picnic Sesións, o ciclo Son e Mar e Sabores del Mundo esta fin de semana en Vigo
Un mercado de oportunidades no centro da cidade, a presentación dun novo disco da banda local The Blow Up’s, a Festa do Marisco e do Xurelo ou a Xornada Mar de Galicia son outras das propostas que temos para esta fin de semana en Vigo. Preme no título de cada evento para máis información. Visita a axenda da Movida para coñecer todos os eventos da cidade.

Sabores del Mundo – De xoves a domingo no Náutico – De balde
A Explanada do Náutico acolle do 4 ao 6 de setembro a primeira edición de Sabores del Mundo, un festival gratuíto que reúne gastronomía internacional, música, espectáculos culturais e actividades para todos os públicos. A súa primeira edición reunirá máis de quince postos gastronómicos con receitas e produtos de diferentes lugares do mundo. Entre os participantes anunciados están Croketísima, representando a Arxentina; Bolo do Caco, Portugal; Santa Bárbara, Estados Unidos; Tropicana, Brasil; Hiroki Sushi, Xapón; Caracas Bakery, Venezuela; Restaurante Ixchel, México; Ali Döner Kebab, Turquía; Chicote, Italia; El Muelle 111, Perú; Panadería Palestina, Palestina; Colombia na Ría, Colombia; Froitos do Mar, España; e La Madrina, Cuba.
Festa do Marisco – De xoves a domingo no porto do Berbés – De balde
A XIX Festa do Marisco de Vigo celebra a súa edición máis ambiciosa do 27 ao 30 de agosto e do 3 ao 6 de setembro, no recinto de O Berbés. A organización prevé superar os 50.000 visitantes nunha cita que duplica os días de celebración respecto a edicións anteriores. A organización mantén as principais señas de identidade da festa: “produto local, prezo honesto e calidade sen discusión”. A celebración volverá ademais ao propio porto no que se descarga o produto, reforzando a conexión coa actividade pesqueira. Actuarán as bandas Asociación Musical A Papuxa, Algarabía Grupo Folk e Club Naval.
Son e Mar – Venres e sábado no Peirao de Transatlánticos – De balde
O peirao de trasatlánticos acollerá este mes de setembro a primeira edición do Ciclo Son e Mar, unha proposta de seis citas que combina talento galego, música disco, pop dos 90 e ritmos urbanos. Un festival dividido en seis xornadas ao longo de dúas semanas, pensadas para diferentes perfís de público e que prevé reunir a máis de 35.000 persoas no Porto de Vigo. Os eventos son gratuítos, agás o concerto de Hard GZ. O venres é a quenda de ‘Nacidos para bailar’ con Safri Duo, Rebeca e Sonia Madoc e o sábado de ‘Aquellos maravillosos años 90’ con Amistades Peligrosas, Cómplices, Rafa Sánchez (La Unión) e Tam Tam Go.
Market de oportunidades – De venres a sábado en Policarpo Sanz – De balde
O comercio local sae á rúa os días 4, 5 e 6 de setembro cun novo Market de Oportunidades de Vigo Centro, que reunirá en Policarpo Sanz a máis de 30 establecementos de moda, lencería, calzado, complementos e outros sectores. Durante tres días poderanse atopar produtos de tempadas anteriores con descontos de ata o 80 %, nunha proposta que se completa con música en directo e ambiente de rúa. Como peche, o domingo ás 18:00 h celebrarase unha pasarela coa nova tempada de outono-inverno, con prendas dos comercios asociados a Vigo Centro.
Concerto The Blow Up’s – Venres ás 21:30 h en La Fábrica de Chocolate – Desde 10,00 €
A banda viguesa presentará oficialmente este venres, 4 de setembro, o seu novo traballo discográfico, Lovebomb, nun concerto que terá lugar na Fábrica de Chocolate Club, un espazo especialmente vinculado á traxectoria do grupo. A actuación servirá tamén como despedida temporal dos escenarios, xa que o batería da formación, Javi, estará afastado da actividade musical durante os próximos meses por motivos persoais. O concerto será, polo tanto, unha ocasión especial para presentar en directo as novas cancións e compartir coa súa audiencia unha última noite antes desta pausa. A banda adianta, ademais, que a cita contará con varias sorpresa.
Picnic Sesións – Sábado e domingo en Radio Costeira (Saiáns) – De balde
O festival gratuíto celebrará a súa última edición os días 5 e 6 de setembro cunha fin de semana de concertos, actividades ambientais, propostas familiares, arte e divulgación na Radio Costeira de Saiáns. Picnic Sesións chega á súa última parada. O proxecto sociocultural impulsado pola asociación Lideiras naceu hai cinco anos coa intención de que Saiáns tivese o seu propio festival e de demostrar que tamén nas parroquias afastadas do centro hai espazo para unha programación cultural estable. Desde o principio definiuse arredor de tres piares: natureza, cultura e comunidade, cun formato familiar, diúrno e gratuíto. Haberá concertos, certame de pintura, circo, actividades infantís, mercado, foodtrucks e mesmo unha jam session na memoria da artista Seila Esencia, falecida este ano.
O evento Xornada Cultural Mar de Galicia xa ten nova data. Tras a cancelación da xornada prevista inicialmente para o 18 de xullo, celebrarase finalmente o sábado 5 de setembro no Museo do Mar, cunha programación que combina música, cultura, sostibilidade e actividades vinculadas ao mar. A programación musical repartirase entre dous escenarios. O Escenario Ría está dedicado á música urbana e contará desde as 18:00 h con Tekilas, THRE36OYZ, Xiari, Losdela9, Adán e Cecilio G. O Escenario Xanela reunirá propostas de punk-rock e música alternativa con Lorahacepam, YOUCANTHIDE e Zalomon Grass.
Festa do xurelo – Sábado desde as 12:30 h en Cabral – De balde
Cabral celebra este sábado 5 de setembro a 26ª edición da súa Festa do Xurelo, unha cita gastronómica que volverá reunir veciñanza e visitantes arredor deste peixe preparado de diferentes maneiras. A degustación comezará ás 12:30 h, con xurelos asados, en escabeche e en empanada, ademais doutras opcións como carne, bonito ou bacallau, todo a prezos populares. A música acompañará toda a xornada: ás 13:00 h actuará a Banda de Música Unión Musical de Cabral e ás 14:00 h será a quenda do Dúo Armonía. Pola tarde, ás 18:00 h, subirán ao escenario as Pandereteiras Xoltra da AVV e ás 19:00 h pechará a programación o Coro Tradicional Tirapuxa.
Abur verán – Sábado ás 20:00 h na Alameda de Bouzas – De balde
A Cultural de Bouzas celebra o sábado 5 de setembro o seu particular adeus ao verán cunha festa ao aire libre na Alameda. Baixo o nome Abur Verán, a cita propón recuperar o espírito dos guateques e anima ao público a acudir disfrazado para meterse de cheo no ambiente. A música correrá a cargo de Sehiba e N.E.P.A. Cartojama, nunha noite pensada para bailar e despedir a tempada estival en comunidade.
Debunker – Sábado ás 21:30 h na sala Transylvania Pub – 8,00 €
A banda portuguesa Debunker chega desde O Porto ao Pub Transylvania cun directo de metal no que mestura influencias de thrash, heavy metal e outros subxéneros.


