A cultura xaponesa volverá conquistar o Ifevi nunha nova edición da Kokoro Japan Expo

Entre o 4 e o 5 de xullo A Kokoro Japan Expo traerá ao Ifevi multitude de actividades de anime, manga, cosplay, videoxogos, música e tradición xaponesa e mesmo artistas chegados desde Xapón.

A Kokoro Japan Expo volve ao IFEVI de Vigo, consolidándose como un dos principais eventos dedicados á cultura xaponesa e ao entretemento asiático do noroeste peninsular. Durante dúas xornadas e nun recinto de máis de 10.000 m², o público poderá desfrutar dunha programación continuada desde as dez da mañá ata ás nove da noite, con propostas para todas as idades que combinan anime, manga, cosplay, videoxogos, música e tradición xaponesa.

Entre os invitados internacionais destaca Katanaya Ichi, directamente desde Xapón, cun novo espectáculo de samuráis e ninjas que mestura acción, historia e combates coreografiados. Tamén regresará a forza do taiko coa actuación de Murasaki Taiko, achegando ao público un dos sons máis representativos do Xapón. O cosplay volverá ser un dos grandes eixos do evento co Concurso e Pasarela Cosplay, que contará con xurados e invitados internacionais como Aylin Lab (Italia), Rita Tavares (Portugal) e Kujalice, representante español en competicións internacionais e subcampión do Cosplay World Masters 2025 e da International Cosplay League 2025.

A actriz de dobraxe Elena Jiménez será outra das protagonistas desta edición. Recoñecida por dar voz a personaxes como Chopper (One Piece), Enid (Mércores) ou Chloe (Pokémon), achegará ao público o traballo detrás dalgunhas das voces máis recoñecidas do panorama audiovisual. A programación contará coa presenza de Elesky, especializada pianista de anime e videoxogos, así como coa actuación de Icy Amane, que poñerá o peche do domingo cunha proposta que fusiona cultura urbana e estética xaponesa. Tamén estará presente TSAS – Anime & Otaku DJ.

O apartado gaming crecerá este ano cunha Zona Gamer de 350 m², torneos, simuladores e unha nova Zona Indie dedicada a desenvolvedores emerxentes. A iso sumarase a maior Zona Arcade da historia de Kokoro, con máquinas xaponesas actuais e clásicos arcade. Entre os creadores de contido confirmados figuran ByXoulz, con directo especial desde o evento; MafsKiwi, streamer e cosplayer portuguesa vinculada ao gaming; Capi Joseppe, especializado en One Piece; e Danii, que realizará contido e interacción en vivo cos asistentes.

A vertente cultural seguirá sendo un dos trazos distintivos do evento con actividades como kitsuke (arte do kimono), talleres de Sumi-e e neurociencia, Expo Bonsái, exhibicións de artes marciais xaponesas, moda Lolita Xaponesa (EGL), literatura xaponesa da man de Quaterni e un Escape Room temático xaponés, que afrontará a súa última edición antes de renovarse. O anime tamén terá espazo propio grazas a AnimeBox, con proxeccións en pantalla xigante de Oshi non Ko e Mao durante a fin de semana. A oferta completarase con casetas de comida xaponesa e coreana, unha ampla presenza de artistas, artesáns e expositores comerciais, alén de numerosas actividades e experiencias que só poderán descubrirse en directo durante o evento.