A cultura británica enche o Pazo de Castrelos cun ciclo de cine ao aire libre

Esta mañá, o alcalde de Vigo presentaba o ciclo Era una vez en una mansión británica, para conmemorar o centenario da doazón do Pazo de Castrelos ao pobo de Vigo. Seis proxeccións ao aire libre —nos xardíns da parte dianteira do Pazo— arredor da cultura británica e as grandes mansións inglesas, ligado ás orixes deste espazo histórico. As sesións cinematográficas celébranse do 22 de agosto ao 6 de setembro, os venres e sábados a partir das 22:00 h.

Pazo de Castrelos | P. Cermeño

O acceso é libre ata completar o aforo. Haberá arredor de 200 cadeiras, puidendo tamén gozar da proxección de pé, rodeando a zona. Segundo Abel Caballero, un dos obxectivos principais desta proposta é poñer en valor o Parque de Castrelos, conmemorando os cen anos da doazón do Pazo, por parte do Marqués de Alcedo, para o seu uso público.

Búscase que os vigueses e viguesas se familiaricen, especialmente, cos xardíns e co Pazo de Castrelos. O alcalde destaca que, se ben o parque de Castrelos é máis coñecido e visitado, os xardíns e o Pazo —así como a súa parte de atrás, co xardín inglés e o francés— non son de uso xeralizado.

A través da cultura cinematográfica, preténdese evocar aos tempos nos que o cine en exteriores era unha experiencia cotiá, poñendo o foco no valor patrimonial do Pazo Quiñones de León e a súa fermosa contorna.

As películas serán proxectadas os venres e os sábados ás 22:00 h. A maioría delas, están ambientadas nas grandes mansións inglesas e na british culture.

CARTELEIRA COMPLETA

  • Venres 22 de agosto: Corgi: Las mascotas de la reina. (Todos os públicos).
  • Sábado 23 de agosto: Emma.
  • Venres 29 de agosto: El jardín secreto.
  • Sábado 30 de agosto: Puñales por la espalda.
  • Venres 5 de setembro: Misterio en Venecia.
  • Sábado 6 de setembro: Antes de Nós.

A última proxección é sobre a vida de Castelao, con motivo da conmemoración do ano de Castelao no 2025, polo 75º aniversario da súa defunción.

Antes de nós (2025)