A Coruña convértese no epicentro do cómic con Viñetas desde o Atlántico e Autobán

O festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico 2025 celebrarase do 11 ao 17 de agosto, durante as Festas de María Pita, na cidade da Coruña. Paralelamente, os días 14 e 15, celébrase o Autobán, dedicado aos fanzines e cómic autoeditado. Ambos eventos contan con numerosas actividades de balde en diferentes puntos da urbe herculina: exposicións, charlas, mesas redondas de profesionais, sinaturas e presentacións de libros, feira de cómics e fanzines, concertos gráficos, actividades infantís, proxeccións e mesmo un Late Night.

O evento está organizado polo Concello da Coruña e conta co autor e editor Manel Cráneo como director. Este ano, para conmemorar o 75 aniversario do seu falecemento, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será unha das figuras centrais desta edición, incluíndo a súa presenza no cartel. Tamén o debuxante arxentino Quino xogará un papel importante grazas á a primeira exposición peninsular da súa obra, que leva por título Quino na música. A mostra, aberta ao público desde xuño na sala de exposicións de Palexco, poderá visitarse ata o 21 de setembro.

O programa inclúe exposicións, charlas, mesas redondas de profesionais, sinaturas e presentacións de libros, feira de cómics e fanzines, concertos gráficos, actividades infantís, proxeccións e mesmo un Late Night. Ao longos destas semanas haberá ata 16 exposicións relacionadas co mundo do cómic e da ilustración repartidas por diferentes espazos da cidade. Preme aquí para ter máis información sobre as mostras.

Algúns dos autores e autoras que estarán presentes estes días no festival son Sara Jotabé, Jorge Esteban Urabayen, Alberto Díaz, Víctor Coyote, Dave Cooper, Sandra Lodi, Marcos B, Laura Súarez, Abel Alves, Arkaitz González, Diego Burdío, Adrián Prado, María Macía ou Raquel Costa. PREME AQUÍ PARA CONSULTAR TODO O PROGRAMA

FAITE AMOVIDALOVER

Paralelamente ao Viñetas desde o Atlántico, A Coruña acolle o venres 15 e o sábado 16 o Autobán, o festival de fanzine e cómic autoeditado. Este agosto celebrará a súa undécima edición repetindo localizacións no Circo de Artesáns e na Praza de San Andrés.

Máis de noventa creadoras e creadores inscritos amosarán as súas obras e porán á venda as súas novidades neste festival, que ademais contará con obradoiros, sesións de DJs, música en vivo, presentacións ultrarrápidas e o célebre Combate de Debuxantes. O Mercado de Autoedición ofrecerá a oportunidade de amosar e vender o seu material a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais. Preme aquí para consultar o programa completo.