A contía da Bolsa ensaia aumenta, destinando 10.000 € á mocidade emprendedora de Galicia

Ensaia, a organización sen ánimo de lucro, lanza a quinta edición da bolsa homónima, que recoñece o talento da mocidade galega con proxectos de gran impacto. Ademais, nesta ocasión, a contía pasa de 6.000 € a 10.000 € grazas a doazóns anónimas e desinteresadas. O obxectivo é que as persoas receptoras sirvan como fonte de inspiración. Un bo exemplo é o caso de Adrián Martínez Pereiro, luthier que en 2023 construíu un violonchelo con madeiras das catro provincias de Galicia, un proxecto que combinou música, arte, artesanía e investigación.

Segundo datos do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, a fuga de talento cústalle á nosa comunidade máis de 200 millóns de euros anuais. Ante dita situación, iniciativas como a Bolsa ensaia actúan como un contrapunto, ofrecendo un investimento directo para que mozos e mozas de entre 21 e 35 anos desenvolvan os seus proxectos sen marchar de Galicia.

Ademais dos cartos, a organización ofrece un apoio maior aos finalistas, con seguemento de mentores, a posibilidade dunha residencia creativa e difusión mediática. En definitiva, trátase dun compromiso que vai máis alá do económico, buscando crear, apoiar e visibilizar.

Tras cinco edicións consecutivas de certo éxito, a Bolsa ensaia consolidouse como un referente para o talento mozo galego. Nestes anos, recibiu máis de 300 candidaturas, feito que reflicte o interese e a necesidade de apoio na comunidade creativa e emprendedora. De todas elas, 24 lograron o recoñecemento de ser finalistas.

Pódense consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí. O prazo para presentar proxectos permanecerá aberto desde o 10 de setembro ata o 2 de novembro. A comezos do ano 2026, darase a coñecer a resolución final do xurado.