A compañía viguesa Bule Bule Teatro achega a comedia aos internos da Lama

A compañía viguesa de teatro amador Bule Bule Teatro achegouse o pasado venres 26 de setembro ao Centro Penitenciario da Lama para representar o clásico Eloísa está debajo de un almendro, de Enrique Jardiel Poncela. Esta actividade está enmarcada na celebración de Nosa Señora da Merced, a patroa do centro.

Parte do elenco de Bule Bule durante a representación | P. Vázquez

Foi unha fin de semana atarefada para Bule Bule Teatro, unha compañía viguesa de teatro amador. O sábado 27 actuaron no auditorio do Helios de Bembrive, mais o día antes fixeron o propio no Centro Penitenciario da Lama, un lugar pouco habitual para este tipo de actividades e ao que a xente non adoita acudir de xeito voluntario. O motivo: a prisión organizou por primeira vez un ciclo de teatro para os internos.

A idea xurdiu dun funcionario da prisión, quen milita nunha compañía de teatro amateur, e desde a dirección apoiaron a iniciativa: “O obxectivo principal da institución é a reinserción, polo que non pode faltar o acceso á cultura. Non queremos que os internos estean apartados da sociedade, senón que formen parte dela”, di Teresa Delgado, directora da prisión desde 2019. Algunhas destas actividades adoitan xuntarse arredor do 24 de setembro, o santo da Nosa Señora da Merced, a patroa do centro, pero non só.

Ao longo do ano realizáronse dentro do complexo obradoiros de poesía da man de Jacobo Bergareche, charlas de xornalistas e escritores como Juan Tallón ou Jacobo García e actividades recurrentes como un taller de radio, un club de lectura ou unha banda de música: “A resposta dos internos é moi positiva, é un xeito de romper a rutina, xa que a vida dentro de prisión está moi regulada. Moitas das persoas que están en prisión non teñen hábitos positivos á hora de ocupar o seu tempo libre, polo que nós intentamos inculcarlles a cultura, a lectura e o deporte para ese tempo de lecer“, comenta Delgado.

Jaime Berridy, Silvia Durán e Ana Caride | P. Vázquez

Bule Bule Teatro accedeu a participar de balde neste primeiro ciclo escénico, que completan o mago Antón Nogueira, Chumpá Teatro (Cuntis), Expresión Teatro (Pontevedra) e a Aula de Teatro de Gondomar. A obra que representaron, e coa que están a xirar estes últimos meses, é unha adaptación do clásico de comedia Eloísa está debajo de un almendro, de Enrique Jardiel Poncela, estreada en Madrid en 1940. A obra relata as peripecias de Fernando e a súa noiva, Mariana, así como das súas respectivas e un tanto toleirás familias, ao se veren envoltos no misterio da desaparición, anos atrás, de Eloísa, unha muller que tiña un sospeitoso parecido físico con Mariana.

FAITE AMOVIDALOVER

Malia a súa extensa duración (arredor de dúas horas), a obra goza dun ritmo moi áxil, con diálogos ocurrentes, situacións disparatadas e entradas e saídas contínuas dos personaxes. A comedia arrancou algunhas gargalladas entre o público, que polo xeral agradeceu o esforzo da compañía tanto enriba das táboas como por terse desprazado ata alí. Ao remate da peza, as doce persoas que forman Bule Bule Teatro (dez actores, un técnico de son e a directora) recibiron como agasallo unhas pezas de cerámica feitas polos internos nun dos obradoiros.

Iria Álvarez e Borja Salgueiro | P. Vázquez

Non era a primeira vez que Ronaldo Cassiano, o intérprete que dá vida a Edgardo na obra, actuaba no cárcere, mais recoñece que esta vez a experiencia foi algo máis complicada xa que parte do público “non se comportou como corresponde neste tipo de actos culturais”. Este tipo de iniciativas inclusivas teñen os seus riscos e o resultado non sempre é o idóneo. Tamén Zazu Fernández, a directora da compañía, lamentou ao remate da función que o centro decidise non encher a totalidade das butacas do auditorio, pois seguro que había internos (e internas, ausentes entre o público) que agradecerían ter acudido á representación.

Con todo, e malia a frustación do elenco (que foi “coa mellor das disposicións e perdendo cartos”), Cassiano pensa que “unha mala experiencia non debe deter os esforzos na educación cultural, hai que seguir apostando por este tipo de cousas, todo o mundo merece unha segunda oportunidade. Seguramente se volve xurdir esta iniciativa para o ano aceptaremos de novo”, conclúe o intérprete.

Ronaldo Cassiano, encamado, e Javier Silveira | P. Vázquez
The following two tabs change content below.