A cociñar: arroz con Deleite
Esta receita é tan típica como infalible. Poucas persoas poden resistirse a esta larpeirada que nos leva directas á nosa infancia. O truco para non fallar é cociñalo a lume maino e empregar un leite galego de calidade. Todo un deleite!

Ingredientes para 4-6 persoas:
- Leite enteiro Deleite (1 litro)
- Arroz redondo (150 gramos)
- Azucre (100 gramos)
- Codia de limón (1 unidade)
- Canela (1 pau)
- Sal (1 chisco)
- Canela moída (ao gusto)
Elaboración:
Lavamos o arroz con auga fría para quitarlle o amidón mentres quentamos o leite xunto coa codia do limón, o pau de canela e o sal. Ao comezar a ferver engadimos o arroz e deixamos cociñar a lume baixo durante 45 ou 50 minutos, remexendo a miúdo. Cando pase ese tempo, engadimos o azucre, revolvemos ben e deixamos que se cociñe entre cinco e dez minutos máis, dependendo de como nos guste de espesor. Retiramos o limón e a canela e está listo para servilo en cuncas con canela moída por enriba. É unha sobremesa que se pode servir tanto quente como fría e que mesmo podemos refrixerar na neveira para tomar ao día seguinte.
Deleite
Esta marca galega aposta pola calidade, o respecto ao rural e a nosa lingua. O seu leite procede exclusivamente de ganderías galegas, e a empresa paga un prezo xusto ás produtoras e produtores. Ademais, usan etiquetas en galego e promoven a identidade cultural de Galicia. É un leite feito aquí por xente de aquí.