A Clásica de Vigo comparte todos os detalles da súa nova tempada

A Orquestra Clásica de Vigo presenta a súa tempada 2025-2026 cunha proposta marcada polo eclecticismo e unha curiosidade inesgotable pola música. Dan comezo a tempada en outubro, igual que a remataron en maio: regresando a Beethoven.

Busca refuxio na obra deste recoñecido compositor para extraer ensinanzas atemporais, nunha actuación na que participará o solista Severino Ortiz, interpretando o Concerto para piano núm. 3 e a Sinfonía núm. 5, dúas pezas emblemáticas do repertorio romántico.

A Clásica de Vigo, marcada pola busca de grandes obras, avanzará ata decembro, concerto no que viaxará ao século XX cun Maurice Ravel, cita na que aproveitará para levar ao escenario o Concerto para piano en sol maior coa solista Aida Saco Beiroa, artista galega residente nos Estados Unidos.

A segunda metade da tempada xirará arredor dunha ollada á historia do rexistro sonoro. En febreiro terá unha cita co cinema, nun traballo conxunto entre distintas disciplinas no que lle pon voz, efectos e música a unha película da que se interpretarán en directo as súas bandas de son. Pola súa banda, en marzo terá outra coa historia da acústica e a gravación coa presenza de Aleksander Kolkowski e un fantástico invento da era victoriana: os violíns stroh. Ademais, completará o anterior co ciclo de conferencias As pegadas do son e unha mostra.

Tamén existirá un espazo para o barroco francés no mes de abril, cun concerto no que contará co seu colaborador Daniel Sanmartín Nieto como solista de cravo, na Concatedral de Santa María de Vigo. Así, busca abarcar repertorios diversos nos distintos espazos da cidade de Vigo. Finalmente, a tempada rematará en maio, replicando a estrutura dos últimos anos: cun gran concerto de orquestra e coro. Nesta ocasión a obra será a Misa de Réquiem de W. A. Mozart, unha peza capital para o repertorio clásico e para a que contará coa colaboración do Ensemble Vocal Pro Música, da cidade veciña do Porto.