A ciencia, os libros e a danza toman Vigo esta fin de semana

A ciencia toma as rúas de Vigo este sábado e domingo coa celebración do festival CinVigo, que trae obradoiros, espectáculos e unha gran feira científica. Unha cita imprescindible para todas as idades que encabeza unha fin de semana cargada de música, motor, literatura e memoria histórica en cada recuncho da cidade. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

ACTIVIDADES PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO – Venres e sábado en distintas localizacións – De balde

MILLO VERDE

Aínda que o Día do Libro foi o xoves 23, a programación municipal continúa o venres 24 dúas actividades: ás 19:30 h, a Biblioteca Neira Vilas acollerá a Cris de Caldas co seu espectáculo para adultos De amor, sexo e morte, unha sesión de Contos Dakí que promete intensidade e emoción; pouco despois, ás 20:00 h, a Casa Galega da Cultura converterase nun espazo de reflexión co faladoiro Por que escribimos?, no que Pedro Feijóo, Guada Guerra e An Alfaya debaterán baixo a moderación de Francisco Castro e a arte en vivo da ilustradora Kristina Sabaite. O broche de ouro porao o sábado 25 ás 12:00 h a poesía, cun encontro na mesma Casa Galega da Cultura onde Silvia Penas, Samuel Merino e Román Raña, moderados por Xina Vega, compartirán a súa visión sobre o oficio de habitar os versos.

GALIEXPO MOTORSHOW – Venres a domingo no IFEVI – Desde 12,00 €

O IFEVI convértese do 24 ao 26 de abril no epicentro do motor coa volta do Galiexpo Motorshow, unha cita masiva que despregará 50.000 metros cadrados de exposición e agarda recibir a 25.000 visitantes. O salón ofrecerá desde superdeportivos e clásicos ata espectáculos de drift e manobras extremas no exterior, contando coa presenza de figuras como Ángel Gaitán ou os campións de rallies do Recalvi Team. Cunha clara vocación familiar que inclúe ludoteca e simuladores, o evento mantén tamén o seu lado solidario destinando parte do recadado a Médicos Sen Fronteiras, consolidándose como o plan perfecto para os amantes da velocidade e a industria do motor.

CANTADA DO GRÂNDOLA- Sábado ás 12:00 e ás 19:30 h na Farola de Príncipe – De balde

Vigo convértese estes días nun fervedoiro de música e memoria para celebrar a Revolución dos Caraveis, estreitando máis que nunca os lazos co país veciño. Concertos, faladoiros e micros abertos celébranse estes días para conmemorar esta data. Como é habitual, os veciños e veciñas de Vigo xuntaranse para cantar o xa mítico ‘Grândola, Vila Morena‘ resoará en dúas quedadas colectivas, ás 12:00 h fronte ao Marco e ás 19:30 h na Farola de Príncipe.

FESTIVAL CIENTÍFICO CINVIGO – Sábado e domingo durante todo o día no Paseo das Avenidas – De balde

A ciencia sae á rúa este sábado 25 e domingo 26 de abril coa chegada do festival CinVigo, que estrea ubicación na beira da ría, xunto ao monumento a Jules Verne. Organizado polo CINBIO da Universidade de Vigo, o evento contará con máis de 250 estudantes que defenderán os seus proxectos de investigación o sábado entre as 16:00 h e as 18:00 h nos vibrantes “minutos de ouro”. Ademais da feira, o festival inclúe obradoiros infantís para converter aos máis cativos en científicos por un día, unha xincana inclusiva e, como gran novidade, talleres de cosmética científica para maiores de 65 anos. Entre espectáculos e monólogos, a programación arranca o sábado ás 11:00 h e pechará o domingo ás 13:00 h coa entrega de premios, ofrecendo un plan ideal para descubrir en familia o coñecemento que se xera nos nosos laboratorios.

FREETOUR BEIRAMAR DE XENTE – Sábado ás 11:00 h na Praza da Industria – De balde

Beiramar de xente organiza un freetour o sábado 25 ás 11:00 h co obxetivo de redescubrir a alma obreira de Vigo co roteiro Conserva e Frío. Trátase dun percorrido polo patrimonio industrial de Beiramar e Jacinto Benavente guiado por Mariña López, Sarai González e Davida, quen nos levarán a coñecer de preto a historia das fábricas e o legado que aínda hoxe define a zona da Praza da Industria. Como previa a esta andaina, o venres 24 ás 19:00 h haberá unha cita no CS A Nubeira para presentar as solicitudes de BIC e compartir novos vídeos sobre a memoria industrial da cidade nun debate aberto coa veciñanza.

FESTIVAL BOLLERAS, VICIOSAS, TRAVELAS E MARIMACHAS – Sábado de 12:00 h ás 20:00 h en A Morada – De balde

A asociación Nós Mesmas organiza a segunda edición do seu festival máis combativo. A xornada, que nace como un ‘golpe de estado simbólico’ pola visibilidade LBT, arranca ás 12:30 h co espectáculo de Ailén Kendelman, seguido dun xantar colectivo. Pola tarde, a programación continúa ás 16:00 h coa presentación do libro Razóns de Peso sobre gordofobia, a música de Lucía Aldao ás 17:00 h e unha sesión de DJs para bailar antes do peche, que correrá a cargo dun Bingo Solidario Drag King ás 19:30 h. Aínda que a entrada é de balde, convén reservar praza para non perderse esta cita chea de cultura, vicio e orgullo.

VIGO DANCE FESTIVAL – Sábado de 16:00 h ás 21:00 h e o domingo de 10:00 h a 21:00 h no Mar de Vigo – De balde

O Auditorio Mar de Vigo convértese esta fin de semana no epicentro do movemento coa segunda edición do Vigo Dance Festival. O certame, que toma o relevo do histórico Vikul para abrirse a todos os estilos, reunirá a centos de bailaríns de escolas e asociacións locais. Cunha filosofía centrada en dar visibilidade ao talento da cidade, o festival ofrece entrada libre para o público en xeral, quen ademais de gozar das coreografías poderá participar en sorteos de viaxes ás Illas Cíes. As actuacións arrincan o sábado ás 16:00 h, mentres que o domingo haberá sesión dobre, de mañá e tarde, para que ninguén quede sen bailar.

DÍA INTERNACIONAL DA DANZA – Sábado de 18:15 h ás 20:00 h en distintas localizacións – De balde

Vigo adianta este sábado 25 de abril a celebración do Día Internacional da Danza cunha gran festa que levará o noso folclore ás rúas. O momento clave será ás 18:15 h fronte ao Museo MARCO, onde se lerá o manifesto oficial, pero o movemento estenderase por toda a cidade a partir das 18:30 h. Dezasete grupos folclóricos actuarán de xeito simultáneo en Bouzas, o Calvario, Navia, as Travesas e Príncipe, en quendas de quince minutos para que a música tradicional non pare de soar. Esta iniciativa da Agrupación de Centros Culturais, que xa é unha tradición desde 2012, busca sacar a danza do escenario e achegala á xente, convertendo as prazas e rúas nun espazo vivo de memoria e patrimonio galego.

CONCERTO DE SEMEN UP – Sábado ás 20:30 h no Teatro Afundación – Desde 24,20 €

A mítica banda Semen Up, liderada por Alberto Comesaña, volve aos escenarios para celebrar o 40 aniversario da súa creación cun concerto que promete ser pura nostalxia viguesa. O reencontro da formación orixinal servirá para revivir ese estilo provocador que axudou a definir a Movida dos anos 80, facendo soar de novo himnos xeracionais como o inesquecible “Lo estás haciendo muy bien” ou “Bendita Seas”. Será unha noite única para reencontrarse co legado dunha banda que, malia a súa breve traxectoria, quedou gravada a lume no imaxinario musical da cidade e do pop nacional.

CONCERTO DE ANTÍA MUÍÑO – Domingo ás 19:30 h na Sala Rebullón – Desde 12,00 €

A fin de semana complétase coa actuación de Antía Muíño na Sala Rebullón, onde presentará o seu segundo disco, Anfibia por veces. A artista, que xa se fixo cun oco propio na escena galega navegando entre o jazz-pop e a música de raíz, chega a Tameiga tras gañar o Premio Martín Códax e colaborar con nomes como Xabier Díaz ou Baiuca. Con ecos que lembran a Silvia Pérez Cruz ou Norah Jones, o seu concerto na Rebullón é unha das citas destacadas do domingo para quen queira gozar dunha das voces máis persoais da nosa canción actual.