A carreira Vigo Contra el Cáncer financia unha investigación sobre o sarcoma
Nuevas oportunidades para pacientes con sarcoma –VIGO4SAR é o nome do proxecto ao que irán destinadas as recadacións da carreira anual Vigo Contra el Cáncer. O obxectivo deste estudo é mellorar a calidade de vida e supervivencia das persoas afectadas por sarcomas. A décima segunda entrega da carreira terá lugar o próximo 19 de outubro en Coia.

Os sarcomas son un grupo heteroxéneo de máis de 200 tipos e subtipos de tumores que afectan principalmente aos tecidos blandos e ao óso. Adoitan presentarse en nenos e mozos, grupos nos que a enfermidade ten un gran impacto.
Trátase do primeiro estudo con esta fin financiado pola Asocicación Vigo Contra el Cáncer. Estará liderado pola Dra. María Mayán, investigadora do grupo CellCOM no CINBIO (Universidade de Vigo), xunto ao oncólogo Dr. Juan Carrasco, do Hospital Álvaro Cunqueiro e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). Este último, sinala: «Queremos crear unha plataforma innovadora que nos permita estudar, de forma personalizada, que terapias funcionan mellor segundo o tipo de tumor e as características de cada paciente, superando así a falta de coñecemento actual e personalizando os tratamentos».
VIGO4SAR empregará mostras tumorais obtidas coa axuda de varios servizos e do biobanco do Hospital Álvaro Cunqueiro para revisar a eficacia das distintas terapias ofrecidas. O grupo de investigadores pretende desenvolver unha plataforma de cribado, coa intención de seleccionar os tratamentos aos que mellor responde un determinado tumor, evitando así as terapias ineficaces.
A Dra. Mayán subliña a importancia da Carreira Vigo Contra el Cáncer, aportando unha axuda económica crucial e mobilizando unha cidade arredor dos «grandes esquecidos na investigación en cancro». Celebrada o próximo 19 de outubro, a XII entrega da proba ofrece en Coia dúas modalidades: a de 10 km, que forma parte do circuito municipal Run Run Vigo; e a de 5 km, que pode realizarse tamén andando. A organización pretende superar a participación acadada nas anteriores edicións, nas que se superaron os 5.000 concorrentes. Nas próximas semanas, publicarase o cartel da carreira, coas datas de inscrición. Ademais, durante estas semanas, a organización suma á causa a todas aquelas empresas, institucións e particulares que desexen colaborar no evento.
Aportar un gran de area pode ser determinante na contribución á loita contra un importante reto sanitario que constitúe o 15% do cancro infantil, ademais de afectar a pacientes adultos. Para máis información consulta a súa páxina web www.vigocontraelcancer.com.

